Jorge Coira confesou que aprendeu a apreciar ''o cine que emociona'' con Erice

Jorge Coira, no pazo de San Marcos (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera Jorge Coira, no pazo de San Marcos (Foto: Pepe Álvez)

Jorge Coira raña a cabeza nervioso e ponse colorado cando se lle pregunta polos proxectos que vai desenvolver nos vindeiros tempos. «Hai varias cousas, pero non podo falar delas», acerta a balbucir para apartar a un lado a cuestión e falar sobre cine, pero sobre como se fai ou como se fixo.

Pasou onte polo ciclo Leccións de Cine, que promoveu en Lugo o club cultural Valle Inclán, para reflexionar sobre o labor de quince anos como director profesional. Na cadea de charlas interviron tanto o seu irmán Pepe Coira, dende o punto de vista de produtor, como Antonio Mourelos, no papel de actor. O material que se lles brindou a todos foi o mesmo: ‘Vértigo’, de Alfred Hitchcock.

A partir desa película, os diversos conferenciantes tiñan que armar a súa intervención. Jorge Coira logo prendeu porque o director inglés «era o referente dun tipo de dirección na que eu empecei e que imaxina a película plano a plano. Cando chegas rodar tes a película na cabeza». Logo de expoñer esa técnica, explica as trabas que lle ve a ese xeito de concebir a realización. «O resultado é encorsetado. A partir dos anos 50 ráchase con iso», apuntou.

Coira non se resiste a confesar que el ideou un dos ses primeiros traballos ‘O matachín’ cunha escaleta imaxinaria na que discurría segundo a segundo a curtametraxe. A el ‘salvárono’ dous obradoiros con Víctor Erice, no que reparou que prefire «o cine que emociona» fronte ao sometido a unha planificación ríxida.

O realizador lucense remontouse á Idade de Ferro cinematográfica para marcar as dúas grandes correntes da técnica a aplicar tras dunha cámara: «Os Lumière buscaban a verdade e Méliès, o espectáculo, usando as películas para sorprender».

Unha vez que se deixou arrastrar dun extremo ao outro, Jorge Coira situouse na centralidade virturosa, e agora tanto atende ao naturalismo de ‘18 comidas’ como ao traballo programado dunha grande cadea estatal para realizar a serie ‘Piratas’. «Agora non me interesa un só tipo de cine, interésame a mestura, como tamén é a mestura de documental e ficción», afirma.

Jorge Coira abandonou a Hitchcock para as súas películas máis personais, como é o caso de ‘18 comidas’, e mesmo logrou algunha apostasía interpretativa con outro dos poñentes deste ciclo, o actor lucense Antonio Mourelos. «O primeiro que me preguntou era para que o chamara se sabía que a el non lle gustaba a improvisación», comenta, divertido, o director. O segredo para a súa conversión «foi que o coñecía ben», polo que «sabía da súa capacidade para ser humilde e escoitar».

Polo que se refire ao mestre británico, Coira empezou a formar o seu humus como realizador coa lectura de ‘El cine según Hitchcock’, de François Truffaut. «Foi o primeiro libro sobre cine que lin e que entendín», indica. O volume era un regalo do seu irmán, o produtor Pepe Coira. Engade que «dende aquela, regaloume un libro sobre cine cada ano durante unha chea deles».

Pero a sombra de Pepe é tan grande como a de Hitchcock na educación filmográfica deste realizador, porque tamén era súa a primera cámara de VHS coa que empezou a probar aos rolos no que sería a súa profesión. Jorge tiña quince anos e, daquela, percibía a realidade plano a plano. Erice fíxolle ver «‘El cine como experiencia de la realidad’, que era como se chamaba o cursiño no que se matriculou.

Comentarios