O vigués Jonathan Pereira xa é do Racing de Ferrol

O Racing de Ferrol aposta forte en Segunda e onte conseguiu facerse cos servizos do galego Jonathan Pereira, o habilidoso mediapunta de 20 anos que pertence ao Villarreal, club que o cedeu ata o 30 de xuño de 2008.

O futbolista vigués, que destacou o pasado decembro coa selección galega en Riazor, onde anotou o gol do empate ante Ecuador, será un reforzo de luxo para o ataque racinguista, pero non o único.

Ademais de Jonathan, o Racing confirmou tamén onte a fichaxe do atacante arxentino Juan Manuel Quevedo. O mediapunta italoarxentino, pero que pode actuar tamén en calquera posición do ataque, procede do Estudiantes de Bos Aires, equipo que pertence á Segunda División de Arxentina.

Javi Rodríguez, máis lonxe
Ademais, o Racing de Ferrol segue intentando a contratación de Javi Rodríguez, xogador que pertence ao Levante. No entanto, a súa fichaxe, que semellaba xa un feito, complícase debido ao interese que tamén amosou o Pontevedra no xogador que xa estivo no club granate hai uns anos.

Un compañeiro de Javi Rodríguez no Levante, Ceballos, é tamén pretendido polo club departamental e podería chegar nas próximas horas a Ferrol. O acordo entre os dous clubs é total e só falta resolver pequenos detalles do futuro contrato.

Comentarios