Joan Rosell en Prenatal

EN 2008 INÍCIASE a estafa, que din crise, na que os bens de todos acaban nas mans duns poucos. Comercios e negocios esmorecen. Aquí en Prenatal, na céntrica rúa da Raíña, xa non venden berces nin carriños, bañeiras portátiles, roupiñas, mantas con osiños, móbiles musicais, corraliños, libros de tea e a infinita parafernalia que, no canto dun pan, traían os bebés baixo o brazo. Simplemente non hai bebés. Aínda vai ser certa a sentenza retranqueira: ‘O difícil é facelos, que logo criarse vanse criando’.

A mocidade, coa necesaria mestura de paixón, tolemia e bioloxía, facía o amor, e se cadra algún bebé. Poucos, que aquí nunca tivemos moita fe no futuro. Agora dedícanse con moito entusiasmo ás tarefas do sexo, necesario e saudable, pero sen bebés. Ter un fillo é un luxo que nin de lonxe se poden permitir. E pecha Prenatal. Outros negocios seguirán a mesma sorte se a clientela é infantil ou familiar.

A sementeira de desesperanza é tal, desde gobernos de obediencia debida, que a mocidade non protesta, emigra. Andoriñas nunha viaxe sen retorno. Marchan na idade xusta de emprender un proxecto vital lonxe desta Galicia que lles rouba o pan do traballo e o sal do futuro.

Pola porta de Prenatal entra Joan Rosell, de cellas ameazantes e poderosa mandíbula neoliberal. Patrón de patróns, ou capataz de vermes semiescravos. Cun discurso monotemático esixe máis recortes, maior flexibilidade laboral, competitividade chinesa, rebaixas de soldo, interminables xornadas laborais que din minijobs. Tan nefasto personaxe na presidencia da patronal (o anterior era un delincuente) garante toda unha antoloxía da indignidade. Se lle deixan, e o goberno ten orellas ben dispostas, suprimirrá as vacacións pagadas, privatizará pensións, suprimirá coberturas médicas, triturará o que queda das leis que humanizan o traballo, e romperá o espiñazo dos sindicatos.

En 2013 España asómase ao s.XIX. Zola e Dickens volven fotografar as paisaxes humanas. Pola contra, os ferocísimos recortadores de dereitos sociais engaden aos seus soldos e privilexios obscenos abultados sobresoldos de legalidade inmoral. Nada di Rosell dos empresarios sambesugas, dos que pagan parte do soldo en negro e medran vizosos na economía mergullada, dos cazaprimas que non crean riqueza e viven das subvencións públicas. Nada di da corrupción política pandémica e sistémica, da xente cercana ao poder que se apodera do público a prezo de saldo. Son cousiñas contra as que convén rebelarse se non queremos un futuro sen futuro no País das Fisterras, onde os demógrafos prognostican un millón de galegos menos en 2050.

Joan Rosell despídese amablemente. Non compra nada pero fai unha recomendación: en Prenatal, na rúa da Raíña, non sobran só os bebés, tamén os traballadores.

Comentarios