J.M. Ron: ''O autocargador envorca fácil''

Un veciño da Pontenova saíu ileso de cinco sinistros con maquinaria agrícola

Afortunadamente, os incidentes sufridos por José María Fernández Ron, veciño do concello lucense da Pontenova, tiveron un final feliz. E iso malia que envorcou en varias ocasións co autocargador que conduce e sobreviviu hai pouco a un sinistro no que deu varias voltas de campá monte abaixo.

O último accidente que sufriu, cando se dirixía co autocargador a unha tala, tivo lugar o pasado decembro. “Foi todo nun segundo”, lembra. “Nesa ocasión foi conducindo pola estrada, non polo monte, e debido a un simple descoido”, admite. E é que conducir un vehículo de once toneladas de peso como o que pilota require dunha concentración constante.

“Deu unha volta completa e, despois de deitar unha árbore pequena, aínda seguiu caendo, arrastrándose uns 15 metros monte abaixo”, describe. “Saín ao momento, en canto parou”, recoñece, e todo grazas a que non sufriu ningunha lesión de importancia. “O vehículo quedou coas rodas para arriba e eu apenas tiven algúns rabuños”.

Explica tamén que estes vehículos non levan cinto, polo que lle foi doado saír. Despois de 18 anos na profesión, este percance non foi o primeiro: “Xa é o quinto e nunca me pasou nada grave”. E iso que nun deles chegou a “envocar e dar varias voltas de campá” cun camión. Ron está convencido de que a principal causa destes accidentes son “os montes moi costos que hai na Mariña, con terreos moi empinados e quebradizos”.

¿SABÍAS QUE...?

A provincia de toda España con máis tractores censados é A Coruña, con 54.329. Séguea Lugo, con 51.944

Pontevedra, con 28.590 unidades, é a 13ª, mentres que Ourense figura como 28ª con 21.794 máquinas no censo do Ministerio de Agricultura

EN CIFRAS

132.000
ESTIMACIÓN DE TRACTORES EN USO NA COMUNIDADE. CENSADOS HAI UNS 157.000

82,9%
TRACTORES QUE TIÑAN A ITV PASADA EN 2012 EN ESPAÑA


72,8%

TRACTORES QUE TIÑAN A ITV PASADA EN 2012 EN GALICIA


723

UNIDADES VENDIDAS EN GALICIA EN 2012, QUE SUPÓN UN 8% DO TOTAL EN ESPAÑA (8.655 VENDAS).

Comentarios