Jesús Otero: "O noso triunfo é o dos monterrosinos fartos dunha política caciquil e autoritaria"

O exsubdelegado do Goberno chega á alcaldía ao conseguir o apoio masivo dos monterrosinos, que lle deron sete dos once concelleiros posibles
Jesús Otero
photo_camera Jesús Otero

A vitoria de Jesús Otero abre un novo ciclo no Concello de Monterroso, tras 16 anos de goberno do PSOE, con Antonio Gato á fronte.

A súa candidatura xurdiu da plataforma veciñal que se opuxo ao plan de protección do casco histórico. Estamos falando doutra marea cidadá?
A nosa vitoria non foi froito dun 15-M, pero xurdiu do descontento xeneralizado dos monterrosinos, fartos da política caciquil e autoritaria que veñen sufrindo dende hai 16 anos por parte dunha persoa. A presentación do plan de protección do casco histórico foi a gota que encheu o vaso. Os veciños mobilizáronse e o alcalde non tivo máis remedio que retiralo.

Contaba gañar cunha diferenza tan folgada?
Axudounos a campaña difamatoria que realizou Gato e o seu equipo contra nós e na que tampouco faltaron presións a persoas que dependen economicamente da súa relación co Concello. Iso o que fixo foi aumentar o descontento cidadán.

A Deputación envorcouse con Monterroso nos últimos anos e ese apoio tampouco faltou durante a campaña.
Jesús Otero entende a actitude da Deputación, pero algúns no PSOE terán que decatarse de que durante anos estiveron a apoiar a un perdedor.

Pero ese apoio da Deputación a Antonio Gato serviu para que agora herde un municipio con importantes instalacións.
Eu nunca fun partidario de crear infraestruturas faraónicas cando non hai unha entidade poboacional o suficientemente grande como para facelas viables. Aínda así, o noso reto agora é poñelas en marcha canto antes e, para iso, crearemos un servizo municipal de deportes, que será o encargado de elaborar un plan de viabilidade para estas infraestruturas.

É posible unha vocación comarcal neste servizos?
Sen dúbida. As divisións políticas só deben existir durante a campaña. Despois das eleccións a única cor posible é o da xestión e o do interese xeral dos veciños. Neste ámbito é necesario coordinarse cos concellos veciños, abrir vías de diálogo e buscar intereses comúns.

Tamén é posible ese diálogo con todas as administracións?
Que ninguén dubide de que vou ser capaz de manter boas relacións tanto con Deputación coma con Xunta, porque nunca imos pedir imposibles e porque nos manteremos sempre fieis a unha vocación de lealdade institucional.

Perxudicaralle a reapertura do caso das multas?
Creo que ese capítulo non ten máis recorrido e só afecta á imaxe que está a dar a Xustiza.

Comentarios