Jaureguizar y Tallón analizan en Santiago la relación entre periodismo y literatura

Jaureguizar, Luis Pousa, Juan Tallón, Camilo Franco y Xesús Fraga. Foto: AGN
photo_camera Jaureguizar, Luis Pousa, Juan Tallón, Camilo Franco y Xesús Fraga. Foto: AGN

Canto de literatura hai no xornalismo? A escrita de libros e para medios de comunicación pódense considerar a mesma cousa? A estas preguntas tiveron que responder onte os escritores e xornalistas Santiago Jaureguizar, Juan Tallón, Luis Pousa e Camilo Franco, que discutiron sobre a sacralización do libro e o valor literario da prensa de autor.

Esta mesa redonda inaugurou onte a Bienal Literaria da Cidade da Cultura, organizada polo Pen Club de Galicia que preside Luís González Tosar e que finalizará na xornada de hoxe.

Jaureguizar é dos que entende que o xornalismo e a literatura son dous mundos completamente distintos, aínda que nos medios de comunicación sexa posible gozar todos os días «de xornalismo de autor, ben escrito». O redactor de El Progreso tirou de Charles Dickens para reforzar esta idea e abundou en que o xornalismo é unha gran verdade rodeada de pequenas mentiras, mentres que a ficción, por contra, é unha gran mentira acompañada de pequenas verdades.

No outro estremo, Camilo Franco reivindicou que todo o periodismo é literatura e advertiu contra a «sacralización» do libro. Así, lamentou o desprezo secular de moitos escritores cara aos xornalistas e incidiu en que escribir en medios de comunicación non ten por que significar descoidar a calidade literaria dos textos.

Nunha posición intermedia, Luis Pousa arrincou cunha cita de Valle Inclán: «O xornalismo envilece a literatura». Logo de aclarar que non compartía esa opinión, engadiu que o columnismo pode ser «boa literatura» publicada en prensa, malia lembrar a desesperación de Álvaro Cunqueiro cando foi director de Faro de Vigo, por consideralo un traballo «menor».

O columnista de El Progreso Juan Tallón, pola súa banda, defendeu o xornalismo literario no que ten de «pouco respecto» cara as normas. Porén, considera que se trata dun xénero en extinción, un feito que, dixo, non ten por que ser necesariamente malo, xa que permite «moita máis liberdade».

Tallón explicou onte en Santiago que cómpre escribir cada columna nunha manobra «kamikaze». E explicouno: que o director estea a piques de non deixarte escribir máis polo seu contido, pero que te chame ao día seguinte para dicirche que te bota se non volves escribir unha tan boa.

O columnista e escritor de Ourense apuntou que a mellor parte do xornalismo literario é a que non está engarzada coa realidade, porque esixe máis creación, e resumiu: «O xornalismo faise nun palmo de terreo».

Tamén o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, quixo realizar a súa achega ao debate, e lamentou o «desprezo» que un bo número de escritores tiveron historicamente cara aos narradores que contaban as súas historias nos periódicos.

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, acompañado polos secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, abriu onte a Bienal Literaria da Cidade da Cultura, que rende homenaxe á literatura galega.

Neste acto, o titular de Cultura destacou que este encontro «é un motivo de orgullo para Santiago e para Galicia enteira», xa que se converteu nunha referencia cultural de primeira orde.

A xornada de onte completouse cun recital poético a cargo de Alba Díaz, Berta Dávila, Gonzalo Hermo e Román Raña.

A xornada de hoxe comezará coa mesa redonda de novelistas, na que participarán Marilar Aleixandre, Alfredo Conde e Víctor F. Freixanes, mentres que a encargada de moderar será Inma Silva.

Tras iso, será a quenda dos poetas, con Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, María do Cebreiro, Xavier Seoane e Luciano Rodríguez.

Como colofón final da Bienal Literaria celebrarase un encontro entre os escritores Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas.

Comentarios