Jaguar

Santo Estevo de Ribas do Miño - O SaviñaoHAI UNHA anécdota tan inconsistente coma divertida sobre unha monxa de Ribadeo que saíu unhas horas da clausura. Logo de cruzar a porta mirou pasar un ampuloso Jaguar e berrou: «Canta contaminación!» Rachar as rutinas provoca un cambio na percepción. Nas vacacións a nosa vida parécenos un costume excelente, unicamente porque desprezamos as obrigas. Botamos once meses acariñando actividades e lugares que nos farán felices. Imos gardando esas expectativas en maletas; con coidado, para que nos entren nos días de vagar. Ao saír de vacacións levamos esas maletas. Esquecemos de abrilas, pero, tanto ten, gozamos con intensidade da contaminación, do transtorno brillante e ruidoso do lecer. Tanto nos enche que nos convencemos de que esa é a vida verdadeira, a que deberíamos levar todo o ano. Hai quen prefire eternizarse nunha rutina concreta e estrita. Os monxes de Santo Estevo de Ribas do Miño buscaron un lugar belo e incómodo no que apartarse da realidade a base de reducila a un espazo cativo. O seu sometemento é semellante á de Pico della Mirandola, quen dicía que Deus creou ao home para ter quen lle admirase a obra. Ese humanista do século XIII lémbrame ao ribadense que comprou un Jaguar. Quítao para percorrer o cento de metros entre a casa e a cafetería. Pasa por diante da clausura.

Comentarios