E PELÚDEZ DIXO... Isto é violencia de xénero e de númaro!

MALLABA nel co paraugas coma se facía coas sabas no río denantes de que chegase o centrifugado.

-Crías que non me decataría? Crías que non teño xente que me informa? Crías que son unha parva, endeviduo?

Pelúdez terma da tunda coas mans na cachola facendo que lle doe máis do que lle doe, que non é tanto.

-Estou baixo a protección da Amnesia Internacional! Isto é violencia de xénero e de númaro!

-Que pasou? -pregúntolle ao Peludeciño, que mira prós pais coma quen ve chover, das moitas veces que foi testemuña dalgo semellante.

-O de sempre. Nai entérase de que pai foi onte ao concerto do Rosendo e de que pai andou beilando coas pícaras ata que apagaron os farois.

-Ten espías?

-Non, saíu no Progreso.

Por sorte pró festeiro, da Porta do Bispo Aguirre emerxe o resto da tropa, Reborita das Arieiras, Járrison e a Vanesa, que empurra un coche con capota no que se supón viaxa a súa filla, a nova Pelúdez.

-Xa tiña eu ganas de coñecer a... E como fan pra chamala se non ten nome?

-Le es moi doado -intervén a Filomena deixando de bater no home-. Cada un de nós chámaa como lle peta. A fin de contas é o mesmo que pasa en todas as familias, que cando son así de pequerrechos, uns din “Ai que cousiña!” e outros “Pocholiña”, e outros “Pombiña”, e outros...

-...e outros van escoitar o pregón do Revaldería, porque xa é hora, e non sexa que cheguemos con el rematado, como nos pasou co Cela, que cando dixo pre... xa soara o ...gón.

-A quen se parece? Non lle acorda a alguén da familia? -indaga a Vanesa ollando prá nena.

-É que a min, os nenos tan cativiños non me... non me... -evito o compromiso.

-É cuspidiña ao avó! -exclama Pelúdez -Esa mirada intelixente! Eses beizos tan perfectos! Ese queixo ben marcado...!

-Si -di a Filomena-, eu sempre o penso cando teño que mudarlle as fugas. Aquilo ule coma as túas cirolas cando te deitas.

Escoitado o pregonicio, fomos ao Campo Castelo onde tocaban Airiños do Neira.

-Como polo serán veñen os Airiños de Orbazai, vai ser cousa de que as mulleres apreixemos as saias coas pernas, non vaian voar e a xente vexa o que non queremos -aconsella a Reborita.

-Señora -retruca o xefe do rabaño-, comigo perda coidado. Pódeselle erguer todo o toldo do circo que non penso mirar, aínda que nel actúe o Anxo Cristo e mais a Bárbara Rey.

-Deijádevos de parvadas -imponse a Filo-. O que hoxe non podemos perder baixo ningún dos preceptos é a actuación dos tamborileiros do Bronx, que xa me dixo a miña nora que fan a mellor múseca acusicas que hai no chou-bisnes.

-Acústica, mamaíña, acústica.

-Pois me acústico de non sabelo.

-Ide onde queirades, que eu quedo coa pequena -ofrécese a Reborita.

Pelúdez aproba a estratexia da consogra.

-Así se fala. Vou ter que mudar a miña opinión sobor do toldo do circo. Se vén o vento, miro.

-Vento non sei, pero auga vai caer coma cando soterraron a Zafra -prognostica con todo acerto o Peludeciño, que é o máis científico deles.

E así foi. Aí contra as catro, as nubes guindaron caldeiros de auga.

-Que sabia é a natureza -dixo Pelúdez-. Como o ceo nos manda a chuvia de balde, nós tamén a recollemos nun balde.

-Chopinjaguer! -berroulle a muller.

Mollados e todo, a nena foi a admiración de cantos cruzamos polos soportais. Unha señora parouse a vela e dixo:

-Que ben feitiña está!

Pelúdez aclaroulle:

-É que non a fixeron a man. Meu fillo mercara antes un libro de instrucións sueco e foi mirando paso a paso, coma fan cos mobles de Ikea.

-Que cousas ten, Pelúdez! -riu ela.

E xa na Horta do Seminario, cando Les Tambours do Bronx atronaban todo o concello e parte dos limítrofes, o home colle a muller da man e soben ao escenario sen que os de seguridade poidan impedilo.

-Son os Pelúdez -di un deles -. Hai que deixalos, que veñen de ser avós.

E alí petaron contra os bidóns sen que o público protestase demasiado, a verdade.

-Viva o San Freilán!

CORA

Comentarios