Istambul

Dende Anadolu Kavagi, na ribeira asiática da área metropolitana de Istambul, os continentes e os mares enléanse con aparente cordialidade. Os grandes cargueiros que sucan o Bósforo bican as augas do mar de Marmara e do Mar Negro ao atravesaren a media ducia pontes que unen Europa e Asia, que alí caben na mesma ollada. Istambul, o soño de Oriente, supón a gran metáfora da cidade pretendidamente europea.

Nunha mirada de sábado a rúa Istiklal ofrécenos as rapazas de hijab –pano que cobre pescozo e rostro- con outras de minisaia, con apenas sombras cubertas polo burka ou o chador, con centos de turistas occidentais. Do outro lado do Corno de Ouro, os muecíns chaman á oración. Pero ningún son, nin o rebumbio comercial do antigo barrio de Pera, nin os rezos das mesquitas, nin as bucinas dos ferrys, nin as ofertas dos vendedores ambulantes, nin os pregóns olorosos do Bazar exipcio logran apagar o cruel son dos disparos no extremo sueste de Turquía.

Alí, na fronteira turco-iraquí o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) dispara coa pretensión de dar voz ao pobo kurdo. E todo este balbordo lémbranos que nos bordes do continente, como no seu propio seo, os conflitos requiren máis diálogo e menos imposición polas armas.

Comentarios