Islandia: adeus á UE... e á kreppa

ISLANDIA VÉN de retirar hai unhas semanas a solicitude de ingreso na Unión Europea. É un Goberno de centrodereita, saído das eleccións da pasada primavera, o que lle pecha a porta á Europa dos 28 e foi un Goberno de centroesquerda, o que se fixo cargo do país logo do colapso financeiro -a chamada kreppa- de 2008, o que presentara a solicitude en 2010.

O que mudou entre ambas as súas accións, amais da cor política dos dirixentes que as promoveron, é unha recuperación económica e na autoestima dos islandeses que provoca que sexan moitas as voces que dan por superada a crise en Islandia e que entenden que poderá ser prescindible o acubillo da Unión Europea, toda vez que forman parte do Espazo Único Europeo desde 1993 e tamén do tratado Schengen.

Porque a UE é un club que os viquingos da illa do Atlántico miraron sempre con certo receo, xa que podería condicionar unha economía fundamentada na pesca e moi temerosa das cotas que lle impón Bruxelas aos seus países membros. É por iso que, dos 33 capítulos de conversas para o ingreso de Islandia na Unión Europea había 27 abertos: ningún dos relativos á pesca ou á agricultura.

Parecera que tivesen chegado ben ao Norte as novas de cómo a política comunitaria -nomeadamente a ben coñecida en Galicia Política Agraria Común e os seus efectos sobre o leite- ten repercutido na reconversión (case nunca a mellor) de sectores estratéxicos dos estados e os países membros.

Case a metade das vendas exteriores de Islandia dependen da pesca e iso desencadea unha forte tensión coa Unión Europea polas capturas de xarda no Atlántico Norte. Unha desputa moi civilizada para un territorio que a piques estivo de iniciar unha guerra aberta contra o Reino Unido nos anos 70 do século XX a conta do bacallau.

A volta á pesca é interpretada coma unha das chaves da recuperación islandesa, xa que representaba o 6% do PIB en 2008 e agora achégase ao 12% do Produto Interior Bruto da illa. Como comparación, en Galicia, a pesca supón o 4,4% do PIB.

Mais o regreso ás artes de capturar peixes non é o único que ten mudado nestes cinco anos e medio.

As máis recentes estatísticas feitas públicas pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) sinalan que Islandia goza da taxa de ocupación máis alta de todos os países da organización -sobre o 80%- e que as cifras do paro están na actualidade no 4% sobre a poboación activa.

Cando a ex primeira ministra Jóhanna Sigurðardóttir solicitou en 2010 o ingreso de Islandia na Unión Europea, o índice de desemprego era do 12%.

Trátase dunha porcentaxe que sería hoxe envexable para os países meridionais da Unión Europea que, como España, teñen taxas de paro xuvenil que se achegan ao 60%, pero resultaba todo un mazazo nun estado cunha poboación similar á da provincia de Lugo, de preto de 350.000 habitantes, que nos últimos anos nunca se vira noutra igual.

Hai dous anos, cando a solución islandesa á crise das hipotecas lixo e ao colapso bancario semellaba que comezaba a dar resultados, o ministro de Asuntos Exteriores, o socialdemócrata Össur Skarpheoinsson, gabábase de que, na recesión de Europa, Islandia fora o primeiro país en caer, «pero tamén estamos a ser a primeira nación en saír», apostillara. «Se hai que tirar algunha lección da recuperación islandesa é que a austeridade, por si soa, non funciona».

O relato coñecido sobre o receitario islandés contra a crise explícase a cotío por orde cronolóxica e con poucas variantes sobre o seguinte patrón:

En 2008, todo o sistema financeiro de Islandia quebrou, ao que seguiu unha grave crise crediticia e a decisión de nacionalizar os tres principais bancos do país, o Kaupþing, o Landsbanki e o Glitnir, que tiñan xogado á especulación con fondos de inversión nos parqués de Europa e Estados Unidos.

Se géiser e saga eran as palabras patrimoniais islandesas que máis tiñan viaxado a outras linguas como préstamos, o vocablo kreppa estaba xa a lles facer compañía en falas de moi diferentes sotaques.

Islandia recibiu entón 2.100 millóns de dólares do Fondo Monetario Internacional (FMI) e Goberno da illa decidiu avalar os depósitos de aforro dos islandeses e reestruturar toda a débeda estranxeira.

Ademais de asumir fortes recortes impostos polo FMI, o país nórdico devaluou a súa moeda, a corona -algo que non podería ter feito dentro dun sistema monetario coma o do euro-, e esta decisión axudou a amortiguar os efectos da crise ao atraer visitantes -o turismo da kreppa e do Eyjafjallajökull, por exemplo- e impulsar as exportacións.

Xusto na porta de entrada do Alþingi, o Parlamento islandés, exhíbese unha rocha negra pulida, cun letreiriño que sinala que se trata dun monumento á desobediencia civil. Desde a socialdemocracia europea (e máis á esquerda) entenden que foi precisamente a desobediencia a chave que se agocha detrás do novo milagre islandés. Chegou cinco anos e medio despois dunhas protestas cidadás que se deron en chamar a revolución islandesa, pero que o poeta do Morrazo Elías Portela, residente en Reikiavik desde hai unha ducia de anos, ten reducido a unhas modestas caceroladas.

«Islandia xulga os banqueiros e desobedécelle ao FMI, a Bruxelas e ao Banco Mundial para saír da crise», dicían os titulares. As informacións recreábanse, así mesmo, no modo en que os islandeses aprenderan da pantasma dos erros do pasado próximo, mudaran cochazos todoterreo por utilitarios e se centraran naquilo no que son punteiros, como a produción cultural, e en fornecer o Estado do Bienestar.

Desde posicións próximas ao liberalismo corrixen e apuntan que Islandia si que aplicou a austeridade e recurtou en servizos sociais, ao tempo que acusan o pobo islandés de actuar coma viquingos á rapiña ao negarse os cidadáns en referendo a pagar as débedas contraídas polos seus bancos con aforradores de países coma Holanda ou o Reino Unido. Cómpre engadir que hai agora un ano as instancias internacionais déronlles a razón aos viquingos.

Outra pregunta que se fan os escépticos do novo milagre islandés é que se o modelo islandés funcionaba e semellaba que o Goberno socialdemócrata-ecoloxista que estaba a xestionar a crise acadaba resultados, como foi que a primavera pasada os islandeses lles deron as costas e lle votaron á centrodereita?

É un dos grandes misterios dos últimos tempos.

É importante lembrar que, fronte aos países máis próximos culturalmente, a socialdemocracia de corte escandinavo non foi en Islandia máis ca un pequeño oase en sete décadas de gobernos conservadores.

Son moitas as voces que relacionan a vitoria da coalición de centrodereita a certa decepción entre a poboación que agardaba accións máis enérxicas por parte do primeiro Goberno progresista que lembraba na súa vida. Outros interpretan que, no momento no que se sentiron fóra da ameaza da kreppa, os islandeses devolvéronlles a confianza aos que sempre estiveron ao mando.

Tampouco podería desbotarse a idea de que foron as veleidades europeístas de Jóhanna Sigurðardóttir as que puxeron esta muller fóra do Executivo dun país que, polo de agora, lle ten ben pechada a porta á Unión Europea.

Comentarios