Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

"GAÑEI UN CERTAME DE XERMOLOS AOS CATRO ANOS CUN DEBUXO DUNHA CARAPUCHIÑA VERMELLA"

Isabel Pardo: "Quen vaia visitar a exposición verame a min, cada cadro é un anaco da miña vida"

Isabel Pardo, na exposición do auditorio vilalbés
Isabel Pardo, na exposición do auditorio vilalbés
Da man do Iescha, Isabel Pardo debuta no mundo das exposicións cunha colección de debuxos e pinturas na que plasma calquera cousa que a marque "o suficiente". A autora das 26 obras que se poden ver ata finais deste mes no auditorio vilalbés ten 15 anos e estuda cuarto de secundaria no IES Basanta Silva.

Que sensacións lle deixa ter inaugurado a súa primeira mostra con tan só 15 anos?

Unha satisfacción monumental! Non todo o mundo pode dicir que realizou a súa primeira exposición sendo tan noviña.

Como xorde esta exposición?

Pois xorde dalgunhas conversacións e da boa acollida que tivo por parte do Iescha.

É un reto, unha ilusión cumprida ou unha oportunidade?

É unha mestura das tres porque o supón todo ao mesmo tempo.

Con que reacción do público ante a súa obra quedaría satisfeita?

Cunha reacción, directamente. De calquera resposta por parte da xente se pode substraer unha mensaxe que, ao fin e ao cabo, é o que se busca: que a xente pense, opine… e non ten porque haber un prototipo positivo ou negativo; a uns chegaralles e a outros non, e iso é o interesante.

E a familia ou os amigos, que opinan?

Failles a mesma ou incluso máis ilusión que a min! Con iso dígoo todo.

"Interésame a figura humana, os retratos en especial, porque cada rostro conta unha historia e merece ser mostrada"

Presente a exposición, que vai atopar quen pase polo auditorio?

Quen vaia visitar a exposición verame a min; porque cada debuxo e cada cadro é un anaco do meu tempo, da miña vida, dos meus seres queridos…

Cal é a súa temática predilecta?

Pois o que máis me interesa neste momento é a figura humana e o que pode ofrecer. Os retratos en especial, porque cada rostro conta unha historia e merece ser mostrada.

Hai algunha técnica que se axuste mellor aos seus propósitos ou depende do que queira crear?

O que máis adoito empregar é o lapis ou o carboncillo, porque me permite obter resultados rápidos e, segundo o meu criterio, con moita forza; adoro o óleo e que dicir do bolígrafo, pero encántame experimentar con cousas novas, mesturar... Todo depende do momento e, sobre todo, do tempo.

De onde lle vén esta afección pola pintura?

Non o sabería dicir! Dende moi nena debuxei, e non porque o vira en ningures senón porque me saía, a parte de que sempre tiven moita curiosidade por todo o que me rodeaba, e iso é o motor de todas as cousas.

Que a inspira á hora de coller un lapis ou un pincel?

Unha canción, unha película, unha conversación cos amigos... calquera cousa que me marque o suficiente como para ter a necesidade de plasmala.

"Deberían facilitarse os estudos de artes plásticas ou de música, hai un baleiro enorme por parte do sistema"

Ve unha saída profesional na pintura? É posible vivir da arte?

O das saídas profesionais é algo moi relativo. Penso que se realizas calquera traballo con ganas, eres creativo, te esforzas e vas na súa busca, atópalo, e no mundo da pintura non ía ser menos. De feito non son necesarios nin os títulos para traballar de ilustrador ou pintor, máis ben a experiencia e o que mostras, se iso gusta ou non. Aínda que para o sistema educativo segue a ser unha prioridade mostrar un título.

Está a estudar no instituto, cre que o sistema educativo actual lle dá a cobertura que debería ás artes plásticas, á música...

Para nada. Seguen a ser unhas materias que os rapaces e rapazas cursan para librarse de exames e agobios, para ir ao fácil, e non é estraño que teñan esta mentalidade porque, en canto aos profesores que as imparten, é moi difícil atopar tan só un comprometido co que ensina. Algo tan importante como é a educación debería facilitar este tipo de estudos porque hai un baleiro enorme por parte do sistema.

Participou no Mercado do Alboio pintando un mural sobre o Camiño de Santiago, que lle parece a experiencia?

Máis que positiva! Foi un día marabilloso que tivo moi boa acollida e no que toda a xente que traballamos nel fixemos o que nos gustaba, e ao ver os resultados iso nótase.

Bota en falta máis iniciativas deste tipo en Vilalba?

Si, un pobo como Vilalba ten moito que ofrecer.

Ten algún outro proxecto en carteira?

Hai algún que outro máis á espera.

Isabel Pardo: "Quen vaia visitar a exposición verame a min, cada...
Comentarios