jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

''Isaac foi un descreído optimista''

Debuxo de 'Memorias dun neno labrego' de 1967, de Edicións do Castro. ISAAC DÍAZ PARDO
Debuxo de 'Memorias dun neno labrego' de 1967, de Edicións do Castro. ISAAC DÍAZ PARDO

O OUTRO PAI DE BALBINO. Cando Isaac Díaz Pardo chega á Arxentina en 1955, Bos Aires era unha sorte de Berkeley para esa escola de Fráncfort á galega que foi a xeración do exilio. Xosé Neira Vilas, quen cultivou a amizade de Díaz Pardo durante máis de medio século, lembra agora o compañeiro desde a súa casa de Gres, en Vila de Cruces.

xosé neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) fala con présa e lucidez. Non cómpre facer exercicio de busca na artesa da memoria, porque as lembranzas de quen foi amigo, camarada e editor durante 56 anos -«nada máis», apunta o escritor- flúen como se fosen de onte mesmo. Do mesmo xeito que voaron e navegaron as epístolas entre Galicia, Arxentina e Cuba en 48 anos. «Eu teño como 130 cartas de Isaac e conto que el gardase outras tantas».

Isaac Díaz Pardo chegou a mediados dos anos cincuenta do século pasado a unha Arxentina na que a xeración do exilio galego lideraba en Bos Aires a vangarda á que lle poñían cancelas en Lugo, en Vigo, na Coruña, en Santiago. A nosa Bauhaus, a nosa Escola de Fráncfort, concordaba onte Neira Vilas ao enumerar os nomes de Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Ramón de Valenzuela, Luis Seoane, Laxeiro, Colmeiro, máis adiante... Literatura, pensamento, artes plásticas. «A Galicia creadora».

Díaz Pardo fixo, en trece anos, vinte e dúas viaxes de ida e volta entre Galicia e o territorio austral dos emigrados, cuantifica con exactitude matemática o escritor de Gres. «E foi a nosa principal conexión co que acontecía na Península, as nosas noticias do franquismo chegaron a través de Isaac», relata Neira Vilas.

Xosé Neira Vilas, o autor galego máis traducido de todos os tempos e creador dese Harry Potter da literatura patria que segue a ser ‘Memorias dun neno labrego’, describe un vencello «intelectual, artístico e ideolóxico» hacia un home que morreu sen abandonar a posición de «descreído optimista que non deixou de traballar polo futuro». «Un estoico dos que non houbo na súa xeración nin hai nas xeracións posteriores», conclúe o amigo.

Isaac Díaz Pardo foi un segundo pai para Balbino, ese neno que está en todos os nenos labregos da Galicia da primeira posguerra e que hoxe non existe «porque hai mellores colexios; outro acceso á cultura». Non serve o ‘beatus ille’ para os Balbinos de Galicia; se cadra, un moquetón polos excesos da vida cómoda en cativos que agora unicamente saben das vacas «pola tele».

A Balbino escribiuno Xosé Neira Vilas en 1960 nun cafetín de Bos Aires, coma os dos tangos, e debuxouno seis anos despois para a edición galega Isaac Díaz Pardo. E como xurdiu esta achega? Como naceu a colaboración?

«Foi sen eu pedirllo. Ou ao mellor si que o fixen; tanto ten». A primeira edición levou unha cuberta de Luis Seoane e, para a tiraxe galega, que veu a luz sete anos despois, Díaz Pardo trazou as cirolas rachadas de Balbino, os ollos enormes e abertos do rapaz de aldea que guía a parella de bois xunguidos cos pés núos polas congostras, como na ilustración que se reproduce nesta páxina.

Díaz Pardo creou a portada de ‘Memorias dun neno labrego’ e fixo outro par de láminas para o volume que, como case todos os de Neira Vilas, foi publicado por Ediciós -escrito así, á luguesa- do Castro, a editora impulsada ao abeiro das cerámicas do Castro.

Acertou Díaz Pardo nos riscos que lle deu ao Balbino? «Balbino é inventado, se fose unha persoa real!», dá como resposta o pai literario da criatura.

Para 1967 -ano no que asina a obra-, había tempo que Isaac Díaz Pardo deixara a pintura para «ser un home do Renacemento».

«Hai que pensar que é unha figura fundamental para entender a cultura galega. Con quince anos facía carteis en favor do estatuto, foi autor de dúas obras de teatro, escribiu cantares de cego, ensaios coma o ‘Galicia hoy’», reivindica Neira Vilas.

Marcouno cando tiña 16 anos o asasinato do pai, Camilo Díaz Baliño, paseado e soterrado nunha beiravía de Palas de Rei. «Tivo que traballar na construción, de pintor de brocha gorda para manter a nai, que perdeu a razón».

Nunca deixou que lle morresen os azos. A súa formación como artista gráfico, como deseñador, como ceramista, unha idea empresarial cos pés en Galicia...

«Isaac Díaz Pardo non só desañaba cerámica, senón que facía tamén os deseños dos fornos, da maquinaria, os engranaxes... foi un auténtico tecnólogo, un innovador, un creador». E a «alma» de detrás da maquinaria.

''Isaac foi un descreído optimista''
Comentarios