Iris Castro: ''Aínda persisten tabús que fan que moitos enfermos mentais sigan sen ser diagnosticados''

Iris Castro.
photo_camera Iris Castro.

A enfermidade mental aínda conta cunha sombra moi alongada na sociedade, sen embargo, grazas ó traballo deste colectivo estes enfermos e as súas familias teñen recursos para mellorar a súa calidade de vida e a poboación empeza a entender mellor unha doenza que non converte ás persoas en diferentes.

O trabaLLo duro e o empeño case sempre ten a súa recompensa e para a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, que preside Iris Castro, esta veu en forma de residencia con centro de día ocupacional para completar a asistencia que o colectivo xa ven prestando ós seus usuarios e ás familias. Está previsto que as novas instalacións, xa en construción no lugar de Bidueiras en Cervo, estean listas a finais deste ano ou, como moi tarde, a principios do vindeiro.

Poder contar con estas instalacións supúxolles moito esforzo?.

Si, levamos catro anos intentando sacar adiante o proxecto e tivemos que atravesar moitas dificultades. Tivemos que decidir o lugar onde se ubicaría, despois conseguir os terreos e aparte tramitar as subvencións para poder financialo -contamos con axudas do programa Agader, da Xunta e da Deputación-. Pero con moito empeño e traballo conseguimos que xa vaia ser unha realidade.

Por que elexiron Cervo para ubicar o centro?

Porque queríamos que fora nun sito céntrico, xa que damos servizo a toda a comarca. Tiñamos outra parcela en Ferreira, pero surxíronnnos certas dificultades para levar a cabo alí o proxecto e decidímonos por mercar esta parcela en Cervo.

Qué características terá este novo espazo?

Está deseñado para ofertar 25 prazas residenciais y 50 no centro ocupacional e será o primeiro destas características co que conte a provincia Lugo. Ademais, en toda Galicia só existen outras tres similares: en Cee, Vilagarcía de Arousa e A Peroxa.

Que lle suporá á comarca contar con este servizo?

Vai ser un moi bo recurso, porque as enfermidades mentais veñen moi derivadas do ritmo de vida que leva a xente e hoxe en día, coa que está caendo, avecíñanse malos tempos.

Aínda hai moita xente sen diagnosticar?

Moitísima.

Pode influir que aínda sexa unha doenza con moitos tabús?

Neste aspecto xa se avanzou bastante, pero é verdade que aínda seguen existindo tabús e non só na sociedade senón tamén na propia familia. Por iso, é tan importante tamén contar con centros de atención, xa que dende que funciona a asociación mellorou moito a percepción destes pacientes que, si están medicados e controlados ,son persoas normais.

Que supón para as familias contar con esta axuda?

É un respiro para eles, que están pendientes sempre do enfermo. De feito, mostráronnos todo o seu apoio para levar adiante a construción do centro.

Xa contan con experiencia asistencial ó ter centros en Burela e Ribadeo.

Si, xa levamos tempo prestando atención á estes enfermos, que ten que ser moi continuada, nos centros que están subvencionados polo Sergas. No de Burela, contamos con 25 prazas e no de Ribadeo, con 20. Todas están ocupadas e nos dous casos hai lista de espera, polo que se ve a necesidade de que abra a residencia.

Ademais contan cun piso en Burela onde os enfermos teñen maior autonomía.

Si, conviven catro rapaces e hai unha praza de respiro por si nalgún momento surxe unha emerxencia. A experiencia é totalmente positiva.

Pensaron en abrir o seu ámbito de actuación?.

Non, só actuamos na Mariña. Sabemos que as necesidades son moitas e que tamén as hai noutros concellos da provincia, pero non podemos abarcar máis xa que temos uns recursos limitados.

Comentarios