Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

«UNHA ACTRIZ PODE NACER, PERO TEN QUE FACERSE E REFACERSE CONSTANTEMENTE»

Iria Azevedo: «Traballamos para que o teatro sexa unha ferramenta cultural, pero tamén educativa»

Iria Azevedo
Iria Azevedo
Codirixe, xunto ao que fora o seu mestre Guillermo Cancelo, as escolas municipais de teatro de Castro de Rei e de Vilalba. Iria Azevedo, que vén de dar o salto como actriz á pequena pantalla, inicia un novo curso cargada de boas ideas e folgos renovados, para que os intérpretes chairegos continúen gozando da paixóns enriba das táboas.

Cando comezou o seu interese polo mundo da interpretación?

De nena. A miña irmá e máis eu caracterizabámonos con teas ou coas roupas dos nosos pais e das nosas tías. Logo, maquilladas, montabamos escenografías e coreografías para a posta en escena dos xogos que inventabamos. O tempo voaba.

Como foron os inicios?

Na escola municipal de teatro de Lugo, baixo a dirección de Guillermo Cancelo. Tiñamos clases dous días á semana, e por min podían ser sete, porque aprender xogando converteuse nunha paixón.

Acaba de dar o salto á televisión. Como valora a experiencia?

‘Viradeira’ é a primeira serie televisiva na que participo. A experiencia está resultando moi enriquecedora. Hai un par de anos comecei a facer clases de interpretación ante a cámara e abriuse un novo xeito de actuación. Gústame moito e como actriz non podes deixar de aprender constantemente. A formación continua forma parte deste traballo.

E o teatro, que significa?

É parte fundamental da miña vida no sentido máis amplo da palabra. Escollido moi conscientemente, porque tamén está a outra cara da moeda. Non é doado, pero no meu caso, non só compensa, senón que a acción que me provoca e o tiovivo de emocións que se viven nos procesos creativos, son o alimento do meu espírito. Un motor para transitar facendo camiño.

Se tivese que quedar só cunha opción: televisión, cine ou teatro. Que escollería?

Puf! Prefiro gozar do que vai xurdindo. Dende logo, que o teatro ten a maxia de ser unha arte viva, pero podendo escoller, escollo non escoller e visualízome nos tres campos. Crer para ver.

Ademais de interpretar dedícase á ensinanza. No mes de novembro iniciará un novo curso como codirectora da escola de Castro de Rei. Que balance fai destes anos?

A docencia achega experiencias moi gratificantes e moita aprendizaxe. Na escola municipal de Castro de Ribeiras de Lea levamos con este sete anos traballando. Neste grupo xa somos unha familia e o balance é moi positivo. Seguimos a traballar e a reinventarnos con cada novo espectáculo. E como grupo, cada pequeno paso supón un gran logro.

Xa sabe por onde vai ir encamiñado este curso?

Pois sempre dedicamos parte da clase a afinar o instrumento do actor e a actriz: o noso corpo e a nosa voz. Logo poñemos en práctica exercicios de cursos aos que asisto de alumna e xogamos moitísimo coa improvisación. Este ano encamiñámonos a seguir dando cada día a nosa mellor versión.

"A docencia achega experiencias moi gratificantes e moita aprendizaxe. O meu balance é moi positivo"

É difícil traballar con xente que non é profesional?

O único difícil é sacar tempo para poder implicarse coma profesionais no traballo que facemos. A xente ten o seu traballo, familia e unha ilusión común: o teatro. Imos arañando horas para estudar, preparar vestiario... Coa conciencia de que estamos para sumar e que facemos o noso traballo coa maior ilusión e todas as ganas posibles.

Este é o segundo ano que tamén asume a dirección da escola de Vilalba.

Vilalba é un aula que xa funcionaba de marabilla. Nós collimos o relevo de Cristina Mariño e temos máis de 35 alumnos. O Concello está moi implicado e iso facilita moito o traballo. O curso pasado estreamos tres espectáculos e sentímonos moi arroupados coa acollida por parte do público.

Que obxectivos teñen durante este novo curso que vén de arrincar hai unhas semanas?

Seguir aprendendo, reinventándonos e compartindo. Novas obras, novas experiencias e novas ilusións.

Adoitan presentar obras de autoría propia. En que basean a elección das pezas?

Pois xorden nas propias clases, no noso día a día. En inquedanzas ou en temas nos que nos apetece centrar o foco. Cando se traballa, todo xorde.

A mostra é unha das propostas que naceron a carón das escolas. Teñen boa resposta?

Temos moi boa acollida. O intercambio entre aulas é positivo e enriquecedor. Xeramos cultura propia e consumimos cultura propia grazas a esta iniciativa.

Tamén participan activamente dentro do programa Buxiganga. É un trampolín ideal para achegar o teatro ao público en xeral?

A creación do Buxiganga foi un impulso moi necesario e moi valorado polo público e polas compañías. A posibilidade de amosar o traballo que se fai con tanto esforzo e ilusión sempre é benvida e agardada.

Cre que é necesario que se promovan máis iniciativas deste tipo?

Dende logo. Como ben dicimos nunha das nozas pezas: a incultura é tristísima e proveitosa. Nós traballamos para que o teatro sexa unha ferramenta non só cultural, senón educativa e formativa para todo o mundo.

En que estado de saúde pensa que está actualmente o mundo da interpretación?

En permanente crise, pero seguimos loitando da mellor maneira que sabemos. Seguimos facendo teatro.

Cales son os seus proxectos a curto prazo?

Seguimos a gravar ‘Viandeira’. E, ademais, estou en ensaios dunha nova peza teatral e escribindo todo o que podo.

Iria Azevedo: «Traballamos para que o teatro sexa unha ferramenta...
Comentarios