Ir a menos

OS LUGUESES XA NON TEMOS DUQUE. Sabemos que duquesa aínda hai, pero a don Jaime de Marichalar y Sáenz de Tejada sacáronlle este título, sacáronlle tamén a grandeza de España, o tratamento de excelencia e, por se todo iso non fose abondo, fixérono desaparecer da foto oficial da páxina web da Casa Real e mesmo no Museo de Cera de Madrid, onde xa hai dous anos que mudaran a súa figura de lugar, levándoa desde o salón no que está representada a familia Real a chamada sala taurina na que o puxeran a ver os touros desde a barreira, agora decidiron arrombala a un deses rochos onde se gardan os elementos fóra de servicio para deixalos alí a que vaian esmorecendo até seren esquecidos.

Certo é que, polo menos a primeira vista, a xente desta nosa cidade non notou nada fóra do normal de cada día, que as conversas do café de media mañá seguiron tratando das arbitraxes ao Barça e ao Madrid, da mellor repartición posible dos 'moscosos', dos prezos do calzado nas rebaixas e outros temas de maior ou menor transcendencia e que nin tan sequera as nosas autoridades decretaron un día –ou aínda que fosen un par de horas– de loito local en solidariedade con quen durante doce ou trece anos levou engadido aos seus propios o nome desta cidade e non puxo inconveniente en que o seu fillo primoxénito fose rexistrado e bautizado co do noso santo patrón –alguén, por criticar, dirá que relegado ao terceiro posto, coma se unha medalla de bronce non supuxese honra ningunha para quen a mereceu– nin hou-bese alguén que abrise unha subscrición popular coa intención de se facer coa cérea efixie hoxe en Madrid menosprezada para colocala nalgún lugar emblemático da bimilenaria Lucus Augusti.

Recoñezo a miña total ignorancia no que ao tema se refire e, claro, non teño nin idea de cal pode ser o destino daqueles que foron e xa non son grandes de España nin excelencias polo que parece natural que o caso movese unha miga a miña curiosidade por saber da sorte deste señor e, como imaxino que haberá máis persoas -algunhas mesmo preocupadas- ás que lles pase algo semellante, quixera tranquilizalas a todas e aconsellarlles que boten unha ollada ao Boletín Oficial del Estado do pasado 25 de xaneiro no que verán unha orde ministerial pola que se inscribe no Rexisro de Fundacións do Ministerio de Sanidade á A.S.V.A.M (Ancianos Solitarios Venidos a Menos) cunha dotación inicial de 601.012,10 € e cuxos fins consisten en atender a persoas da terceira idade que se encontren en condicións precarias "(...) atendiendo primero a las mujeres, y preferentemente a las que tuvieron una buena posición, con preferencia a las personas de la condición social que tuvo la extinta Excma. Sra. marquesa de Balboa".

De acordo en que o don Jaime de Marichalar non é muller –o que o forzaría a gardar cola–, nin é ancián –algo que, cunha miga de sorte, acaba por se solucionar co paso do tempo– pero non se me negará que no de "venido a menos" ten que ocupar un posto sobranceiro no ranking correspondente.

Ben sei que estamos en pleno Entroido, pero o BOE ségueche sendo o BOE.

Comentarios