A Invernada de Cine de Cabreiros ábrese cunha aposta pola integración

Rubén Riós presentou o documental 'Máis ca vida' e a curta 'Vida', un proxecto que considera «vai cambiar a forma de ver moitas cousas»
Ferreiro, Riós e Rodríguez, diante do público da Invernada de Cine de Cabreiros
photo_camera Ferreiro, Riós e Rodríguez, diante do público da Invernada de Cine de Cabreiros

A Invernada de Cine de Cabreiros estreaba este sábado a primeira das súas cinco sesións cunha aposta pola integración social, a través da visibilización das persoas «con capacidades distintas», tal e como definiu Rubén Riós aos protagonistas do documental ‘Máis ca vida’ e da curta ‘Vida’, un proxecto audiovisual que «vos vai cambiar a forma de ver moitas cousas».

«Temos que usar o entretemento para cambiar a sociedade», dixo o director ao introducir un documental gravado ao longo de máis de dous anos coa participación de 25 persoas con capacidades distintas, que recolle a posta en pé de ‘Vida’, protagonizada por Mónica Ferreiro e Óscar Rodríguez.

«Cando teñades un soño, loitade por el» ou «crede nos vosos soños e nas vosas oportunidades, porque a vida é coma un tren, e hai que collelo», transmitíronlles aos presentes ambos actores, que se achegaron tamén á casa escola de Cabreiros.

Previamente, inaugurouse a propia Invernada. O alcalde de Xermade, Roberto García, aludiu ao espírito de «socialización», de cando os veciños se xuntaban para facer cousas en común, que impera nestas xornadas, das que Laura Vilaboy, do colexio de educadores de Galicia, destacou o seu labor de dinamización rural. O profesor Suso Rodríguez precisou o «interese social» dunha cita que é posible grazas ao traballo dun gran equipo, no que tamén figuran Elena Pena e Patricia Cillero.

Comentarios