Inventos

XA CHOVEU desde que Juan de la Coba (Ourense, 1829-1899) inventara, ademais dun idioma privado chamado trampitán, que só entendía el e que tiña por finalidade evitar que o plaxiasen, dous aparellos de grande utilidade se funcionasen como previra o seu inventor. Tratábase do paraugas universal, un paraugas inmenso que, instalado no Polo Norte, evitaría que chovese en todo o planeta Terra, e o pirándargallo. O pirándargallo sería unha especie de globo aerostático que se elevaría e, aproveitando a rotación da Terra, poderíase descender nel e aterrar sobre o lugar desexado cando este pasase por baixo, suplindo así calquera outro medio de desprazamento.

Menos ambicioso e máis realista, un paisano meu veu de Venezuela cargado co motor dunha lavadora vella co que fabricou un aparato para limpar as fabas. Tamén deseñou unha caixa na que metía os coellos e os levaba a pacer nunha tenza que tiña no monte. Cando consideraba que se fartaran, percutía cun pau na caixa, convertida así tamén en instrumento musical, e ao seu ritmo acudían os animaliños a se gardar na mesma para regresaren á casa.

Non me vou referir ás tan habituais como curiosas reciclaxes que converten somieres en cancelas, inodoros e ouriñais en testos para plantas, e outras mil e unha cousas así. É evidente que a necesidade aviva a imaxinación, mais en moitos casos a imaxinación móvese por conta propia, talvez polo simple pracer de lle atopar un lugar ou unha utilidade a cada obxecto ou por adherirse, mesmo sen sabelo, á corrente artística que chaman ‘arte povera’, esa que utiliza, entre outros, materiais de refugallo.

Tampouco me ocuparei de investigacións moi serias que se están a levar a cabo en universidades e laboratorios galegos, tales como unha vacina para o Alzheimer que, segundo entendín, xa vai entrar en fase de experimentación. O de hoxe quere ser un artigo xogoral, que a actualidade xa dita bastantes reflexións serias ao fío das cousas malas que acontecen. Así que prosigo, agora para facerme un espazo entre os inventores pasados de rosca.

Hai uns días escoitaba o relato dun amigo moi versado na historia do Vietnam. Contaba el como na guerra operaban a pedalear en bicicletas para mover a dínamo e xerar luz. E así me xurdiu a idea. Tal como se pode mandar á rede eléctrica, co conseguinte aforro na factura, a enerxía producida por placas solares ou pequenos artefactos eólicos, ¿non sería posíbel aproveitar tamén todo o esforzo que moitas persoas fan en bicicletas estáticas? ¿Ou xa se lle ocorreu isto a alguén antes? Mais, ¿cantos anos seguidos habería que lle dar ao pedal para facer o sistema rendíbel? Habería que botar contas.

Comentarios