Invasores

No movemento dos indignados fáltame outra pata da mesa castigada polo sistema en crise. Non os encontro nin leo alusións nas enxeñosas pancartas aos centos de miles de persoas chegadas desde outros países en busca de futuro e que foron os primeiros prexudicados nese ERE á concertación social que supón sempre a destrución de emprego.

O que si vexo neste contexto, cunha cuarta parte da poboación activa en paro, é como aflora o discurso xenófobo entre tanta inacción gobernamental e as eleccións municipais foron un campo de manobras perfecto para tanto visionario da política de exclusión. Cataluña, cunha das taxas de inmigración máis altas de España, é o caldo de cultivo para estes aprendices de neocon, que cren que un fenómeno estrutural como é o desemprego se resolve a golpe de repatriacións.

Se CiU non o impide, Badalona terá un alcalde do PP que non lle fai noxos a un ideario do que fixo bandeira unha formación emerxente, Plataforma per Catalunya, cuxo líder define a inmigración como a “invasión silenciosa”.
Se eu fose un deses invasores indignaríame saber que os que cría veciños queren agora darme porta só porque o seu fráxil estado do benestar se cambalea, principalmente, pola súa incapacidade.

Comentarios