Internet e o método de curta e pega

INTERNET permite acceder a un gran volume de información nun tempo relativamente curto por medio de buscadores temáticos que facilitan a obtención de información e de documentación sobre moi diversos temas.

Isto supón un gran avance sobre a situación que tiñamos fai tan só uns vinte anos cando a procura dun volume menor e máis limitado de información obrigábanos a desprazarnos ás bibliotecas, buscar entre libros e revistas, manexar normalmente bastante follas de papel e mesmo tomar unhas notas a man, se volvemos máis atrás no tempo cando aínda non dispuñamos de fotocopiadoras que nos aliviasen esta última tarefa. Despois tiñamos que elaborar o traballo pondo as nosas notas en orde e desenvolver a nosa propia visión coherente e argumentada do asunto e corrixir as posibles erratas e mellorar o estilo até ter o documento final elaborado, despois de realizar un ou varios borradores.

A informática tamén nos cambiou esta rutina, posto que no computador traballamos sobre un documento que pode ser alterado por partes con correccións e cambios na súa ordenación sen ter que elaborar un novo documento.

Ambos son avances moi importantes traídos da man por estas novas tecnoloxías da información, que permiten mellorar a elaboración dos traballos e acurtar o seu tempo de realización.

Até aquí todo son vantaxes no seu uso racional e honesto. Con todo o acceso a estas tecnoloxías trouxo tamén un número importante de lugares e dun volume de información non fiable. Ademais a facilidade de obtención da información e a posibilidade de incorporala directamente a un documento en elaboración deu mesmo lugar ao novo método de ‘curta e pega’ moi difundido na elaboración de traballos entre estudantes. Utilízanse partes considerables dun texto escrito obtido en internet incorporándoo a un documento coma se fose propio sen entreterse sequera en sintetizalo ou polo en relación con outra fonte de información.

Este método de curta e pega é un plaxio ao non citar ou non indicar de modo claro a súa orixe, que está dentro do ámbito estudantil aínda que adoita ser detectado en numerosas ocasións. Ademais prexudica o esforzo formativo dos estudantes, do que os profesores podemos ser en parte responsables por non incitar máis á creatividade ou por unha titoría insuficiente para a realización deses traballos.

Pero estes plaxios de corta e pega transcenden nalgunhas ocasións este ámbito cando non se respecta o traballo intelectual dos seus autores e transcríbense parágrafos textuais dos seus traballos. Un destes casos parece ter sucedido cun traballo presentado recentemente nun centro dependente da Xunta segundo foi recollido na prensa. Isto é un síntoma de algo máis grave, que afecta tanto ao control dos traballos contratados como á actitude intelectual dos seus autores. 

Comentarios