viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Insua tece o seu futuro entre fíos de liño

Sobre estas liñas, varias mulleres traballando o liño en Insua
Sobre estas liñas, varias mulleres traballando o liño en Insua
As mulleres da parroquia vilalbesa organizaron unha tasca e unha fía tradicionais e Criado comprometeuse a apoiar a creación dun museo

"Sodes unha insua do río que sen facer ruído e sen saltos estades enchoupando de saúde as nosas aldeas a nivel comunal", "unha aula aberta nesa Galicia rural enferma pola desertización e a soidade", "áncoras para agarrarnos ás raíces tecendo unha vida nova", "sodes nobres, fieis ás raíces, rexas como os carballos". Son as verbas do pregoeiro, Alfonso Blanco, que en poucas imaxes describriu o longo traballo das mulleres da asociación San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, en prol de recuperar os oficios do pasado para avanzar cara ao futuro entre fíos de liño.

Nunha nova aposta por seguir loitando e tecendo o seu propio futuro, as mulleres organizaron o sábado con éxito unha nova tasca do liño, e xa van oito, á que sumaron este ano a terceira edición da fía, co fin de congregar os dous actos nunha xornada cun programa máis completo. E Insua cobrou vida entre fíos. As mulleres vestíronse de liño, e teceron sen descanso nun día no que non faltou a música e a artesanía.

A cita arrincou preto das doce co pregón de Alfonso Blanco, que deu paso a unha mesa redonda sobre a historia do textil que presentou o rexedor de Vilalba. Gerardo Criado agradeceu á asociación de mulleres de Insua "moitos anos de promoción dun produto moi importante na historia de Galicia" e un traballo que pese a "non estar suficientemente ben recoñecido, si conta co recoñecemento dende o punto de vista municipal e outras esferas".

Quizais por esa determinación de tecer o seu futuro, a propia cita arrincou o compromiso do alcalde de Vilalba de apoiar a creación dun futuro museo do liño, unha reivindicación antiga da asociación de mulleres. "Algunha vez contaremos con el. Esta xente merece un sitio apropiado", destacou Criado.

Na mesa redonda, Miriam Fernández, historiadora da arte; Alberto Golpe, especialista do traxe galego, e o tecelán Ramón Álvarez fixeron un repaso por máis de 20 séculos da historia do textil, "unha das actividades máis antigas xunto á cestería", que se viu relegada a un lado coa aparición das fibras sintéticas que chegaron coa modernidade.

A agrupación de música tradicional Airiños de Orbazai puxo a banda sonora á xornada antes dun xantar, no que participaron deceas de persoas. As actividades retomáronse a primeira hora da tarde cun concerto de Mini e Mero, seguido da música de Airiños de Orbazai e Os Feroces da Galgueira. Ademais houbo conxuro da queimada con Manuel Ferreiro, demostración da tasca e fía do liño e da lá, unha exposición de traxe tradicional da Terra Chá de Alberto Golpe e outra de traballos de punto de cruz de Roberto Fernández Crecente, que se sumaron aos postos de venda e de artesanía en vivo.

Insua tece o seu futuro entre fíos de liño
Comentarios