martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Instantes eternos na escuridade

O verso 'A noite é necesaria' dun poema de Xosé María Díaz Castro sérvelle a Dani Caxete para introducir o seu proxecto fotográfico sobre Guitiriz, unha colaboración co Concello na que os textos do poeta vilarego se funden coas imaxes nocturnas do astrofotógrafo viveirés para presentar unha iniciativa que culminará en 2017 cunha exposición.

Un banco en Loiba fixo hai dous anos que o traballo de Dani Caxete dese a volta ao mundo e case chegase ás estrelas. Mais igual que a lúa se alimenta do reflexo do sol, foron moitos os que lle sacaron máis rédito a esa xa mítica foto viral que o seu propio autor. Malia a falta de recoñecemento e de recompensa económica, o astrofotógrafo de Celeiro móvese pola paixón que sente polo que fai, unha entrega que percibiu a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, no curso de verán sobre paisaxe da USC e que os levou a colaborar.

O punto de partida foi unha xornada de observación na área recreativa de San Xoán, unha introdución a ese Guitiriz que «conserva a esencia da Galicia onde o home vive en total respecto e simbiose coa natureza, sen ter por elo que renunciar aos avances tecnolóxicos», tal e como destaca o fotógrafo, quen asegura que nestas terras «as noites quedaron atrapadas no ámbar de luz daquelas farolas que alumeaban o xusto e necesario, sen a necesidade de borrar unha soa estrela».

Mais Caxete non só se topou cun «Xardín do Edén de flora e fauna autóctona», senón tamén cos versos de Díaz Castro, que plasmaban impresións familiares para el: «Levei unha grata sorpresa ao ler parte do seu poemario e ver que moitas daquelas sensacións que apuntei no meu caderno xa foran escritas coa súa pluma. E moitas destas paisaxes que captei coa miña cámara, seguen sendo as mesmas vistas dos seus ollos».

Os versos de ‘'Penélope'’, '‘Coma un río'’, ‘'A Cerna'’ ou ‘'Coma unha espada'’ recoñécense nas capturas nocturnas da carballeira de Parga, Bascuas, San Alberte ou a Cova da Serpe e esa simbiose poderase ver en 2017 nunha mostra con dez imaxes panorámicas, seleccionadas entre o milleiro que fixo nos distintos enclaves do municipio.

Para ir abrindo boca, aínda que non leve ningunha foto de Guitiriz, serve o calendario que Caxete presentará no Nadal (pódese reservar no correo [email protected]ónica.net) cunha «selección de fotografías de paisaxes nocturnas cunhas pinceladas astronómicas» e co que busca «acadar fondos para poder seguir co meu proxecto».

E é que aínda que a promoción que xerou para o banco de Loiba sería impagable, son os premios internacionais os que lle axudan a cubrir gastos e a financiar proxectos coma o libro e a exposición itinerante nos que traballa, e que espera poder presentar en 2017.

Instantes eternos na escuridade
Comentarios