Instan a que se divulgue o ‘stonehenge’ galego achado no municipio de Barreiros

O Concello promocionará a Ruta das Fachas, catalogada e delimitada como xacemento arqueolóxico pola existencia de mámoas
Charla de Piñeiroa no círculo lítico de A Roda
photo_camera Charla de Piñeiroa no círculo lítico de A Roda

Os sendeiristas barreirenses, nomeadamente os do grupo Mar e Monte, así como tamen outras persoas interesadas na divulgación do patrimonio histórico da zona, como o exprofesor Emilio Piñeiroa, colaboran co Concello para pór en valor rutas de sendeirismo que sirvan para repasar a historia antiga da localidade. Deste xeito, en breve o ente municipal vai dar coñecer a senda das Fachas que atravesa restos arqueolóxicos prehistóricos moi alterados hoxendía. Estes veciños da comarca persiguen dende hai tempo tamén que se promocione o círculo lítico de A Roda, o chamado ‘stonehenge’ galego.

O que ata o de agora está confirmado coma o único ‘henge’ do que se teña constancia fóra de Gran Bretaña permanece invisible para os visitantes. "É unha mágoa porque bastaba con colocar alí un cartel explicativo sobre o que se atopou no lugar e sobre os costumes de vida dos nosos anceios, pero deste xeito nin sequera se pón en valor", matizan os veciños que instan a divulgalo.

A estructura ritual puido ser construída entre os séculos XVII e XVI anterior á nosa era, nunha época que coincidiría co Bronce Medio, a tenor das máis recentes datacións carbónicas que se teñen feito. Xa no lugar quedan poucos restos posto que foron danados durante a construción da Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso por Barreiros, o que motivou a paralización das obras e o seu desvío.

OUTRO XACEMENTO. Piñeiroa e outros veciños interesados na promoción do patrimonio, estudaron e sinalizaron a denominada ruta das Fachas, da parroquia de San Xusto, que en breve divulgará o Concello de Barreiros.

Nesta senda non só se atopa o camiñante con casas con escudos senón que tamén hai muíños —cinco que na actualidade están sen uso, catro deles no Val do Caínzo e outro máis en Ibia—, así como unha capela, a de San Antón, que data do 1880.

Pero o máis importante da ruta é a lembranza que fan doutros xacementos arqueolóxicos do interior barreirense. As Fachas é unha zona catalogada e delimitada por Patrimonio da Xunta como xacemento arqueolóxico pola existencia de mámoas ou túmulos funerarios do Neolítico, que na actualidade se atopan moi deterioradas polos traballos de deforestación.

En 1996, co gallo da delimitación do Camiño Norte, o informe sobre a zona sinalaba que había unha mámoa megalítica destruída. E documenta a destrución de catro cistas —enterrramentos individuais— da Idade de Bronce. A senda de case nove kilómetros inclúe un miradoiro sobre o Cantábrico a 483 metros de altura, o de Pena Corveira.

Comentarios