Inspiración híbrida

Abonda coa información ofrecida polo cine e pola televisión para saber das dez pragas de Exipto, que relata o segundo libro do Antigo Testamento, o ‘Éxodo’. Moisés advirte ao Faraón de que se non libera os xudeus, Deus castigará aos exipcios con dez estarrecentes calamidades. E só despois da derradeira acadarán o permiso para partir. Pois ben, ao longo do tempo téñense dado diveros intentos de explicación cientifica, entre eles a erupción dun volcán e as suas secuelas.

Pero a nós, moi alonxados tanto do relato orixinal como da sua tradución científica, interésanos a aplicación metafórica. Como telespectadores coidamos que os contidos dos telexornais da Televisión de Galiza son a mellor aproximación empírica á narración bíblica, coa sua desbordante imaxinación, tinxida desas características pingas de crueldade oriental e de maniqueismo ao Walt Disney.

Se a noticia é o aumento do paro, a traslación adquire a forma de tormenta de lume e xelo sobre o apouvigado país, e se resulta que diminúe, como sucedeu recentemente, a cousa minimízase recorrendo á socorrida fórmula de porlle un micrófono na boca á primeira mosca que pase pola rua, con tal de que pinte como moi moura a sitación. E algo semellante sucede se o asunto vai de enquisas: as desfavorables ao goberno español reciben un tratamento hiperbólico, ainda que proveñan de tabloides tan prestixiosos como o portavoz dos marsupiales.

Sabemos que como en calquer outra canle de televisión, os programas paifocos e de mal gosto ocupan espazo, que non son infrecuentes os bustos parlantes con voz de ra afónica e que abundan os orfos dos máis elemantares rudimentos da prosodia galega. Pero en fin,  iso tamén sucede noutras cadeas e non hai máis que lembrar o caso dunha coñecida corresponsal no estranxeiro que, sendo galega, pensa que en español todas as vogais son pechadas, o que converte o que fala nunha xíria merecente de estudo. Pero  a manipulación informativa supera en gravedade calquer outro dos riscos negativos. Todo o mundo conta con algo, e mesmo está disposto a disimular, sempre que a prudencia impida sair duns límites. Pero nesta materia a canle autonómica decidiu seguir a liña trazada pola sua homóloga da Comunidade de Madrid, e non os principios de programación dos que fala o artículo 16 da Lei de Creación da Compañia de Radio Televisión de Galiza: respeto ao pluralismo político, obxectividade e imparcialidade, separación entre información e opinión, aparte da promoción e difusión da cultura e a lingua galega, así como algo que soe esquecerse: «a defensa da identidade da nacionalidade galega».

Pero o numen que todo o embebe vai por outro camiño. Por algo o presidente da Xunta reivindicou o outro día a «especie híbrida do galaico-madrileño». Menos mal que a bioloxía nos informa de que soen ser estériles.

Comentarios