Inocentada

ÉRASE UNHA vez un neno que, diante dunha máquina tragraperras para pequenos coma el, e despois de recoller a súa bóla máxica dixo: «mamá, que amábel era o ‘lorito’», referíndose ás palabras da máquina despois de papar a moeda. A min pasoume o mesmo o outro día. Recibín unha carta, dirixida a min, a min persoalmente, da ‘Dirección General de Tráfico’. Supuxen que era auténtica, aínda que a asinatura é ilexíbel e embaixo non figura o nome da directora xeral de tal organismo. Sigamos supondo que é auténtica. O que si é extraordinario é o seu contido. Nunha plana do folio debidamente carimbado e en cor (cuatricomía) reseña todos os dados referidos ao meu automóbel: ten máis de 7 anos, matrícula, domicilio, número de quilómetros, ITV pasada e data próxima da revisión. Erraron no tipo de combustíbel (eu daríalles un 9 en lugar de matrícula de honra). Fiquei convencida de que na DGT traballan ben. Cruzaron dados seus cos da ITV, con Industria, coa listaxe de asegurados e tipos de compañía, saben que teño -por agora- todos os pontos do carnet de conducir; en fin, moito gostei de que haxa outro organismo público que funcione case coa perfección da Axencia Tributaria. Pero logo fixo acto de presenza o desencanto: en folio á parte -e despois de oferecer unha serie de servizos con información que xa teño e que non vou buscar na páxina web de ninguén- din (traduzo): «A tecnoloxía incorporada ao vehículo contribúe a reducir significativamente o risco de falecer ou resultar ferido grave en accidente de tráfico. No reverso do seu informe atopará información sobre os sistemas de seguridade mais efectivos».

Eu tamén exclamei: «que amábeis son os da DGT!», se non fose que, como na máquina da bóla máxica, aquí tamén hai que meter moedas. Unhas son as subvencións directas á industria do automóbel e outras son a contribución á creación de demanda de novo coche dirixido a señoras con medo a falecer en accidente por non teren un vehículo con todos os mellores sistemas de seguridade: sistema antibloqueo de freos, asistencia en freada de emerxencia, sistema de control de estabilidade, indicador da presión dos pneumáticos, luces de circulación diúrna e limitador de velocidade. Tamén é certo que de súpeto se me puxo cara de idiota. Se eu non compro agora un coche con todo iso incorro en irresponsabilidade e se o compro debo dispor para a miña seguridade de 80.000 euros. Un coche con ABS, BAS, BA, EBA,DBC AFU; SAFE,MBA, HBA, ESC,ESP, DSC, DSTC, VSA, VSC, TPMS, TPM, RPA,TPWS, debe custar iso, mais ou menos, e, se non, non vale.

Non obstante tomei unha decisión heróica: vou escreber eu á DGT e pedirlle os 80.000 euros que me cómpren, xa que só son unha ínfima parte do que lle entrega o Estado español ao capital estranxeiro posuidor das industrias do automóbel que hai en España. PSA-Citroën, Renault, Opel, Mercedes, Volkswagen, non son capital español, pagan aquí poucos impostos e reciben subvencións directas e indirectas. Por que non podo eu aspirar a un pouquiño de subvención para a miña seguridade?

Comentarios