Inmobilismo

Vendéronos a batalliña da transición, de que foi necesario reducir a terríbeis poderes fácticos para chegar a outro sistema. Pois moi ben, labor cumprido. Mais cómpre lembrarmos que hai xa 35 anos que morreu Franco e que xa é hora de dar máis pasos adiante e non pretenderen seguir, como repiten algúns constitucionalistas nos seus artigos, no mesmo lugar. A sociedade civil, malia os programados silencios e desinformacións, xa avanzou máis alá do ríxido corsé político establecido e desexa unha profundización da democracia que a faga máis participativa e social.

O mundo móvese; o Estado español, non. Bolivia converteuse o ano pasado nun Estado plurinacional e non se destapou a caixa dos tronos. Porén, os dous grandes partidos estatais españois seguen encerellando nos medios, coas súas anécdotas, máis propias da insubstancialidade dunha revista do corazón, sen solucionaren os problemas pendentes, xirando sempre ao redor da mesma posición para aparentar movimento cando a intención é inmobilista. A nomenklatura partidista non ten outro horizonte que o determinado polos intereses autistas dos seus membros.
   
Teimaron en que entrando na UE achegaríamonos ao estado de benestar dos países do Norte e afortalaríamos a democracia. Mais este entramado institucional antidemocrático europeo, por medio de Maastrich e do Tratado de Lisboa,  serviu para pór en bandexa das multinacionais e do grande capital financeiro a economía do continente e o benestar laboral e social dos seus cidadáns. Agora coas normativas aprobadas gobérnanos un Leviatán neoliberal implacábel que nos rilla a cotío as entrañas e que nos impide fuxir da depredación. Conseguiron abofé o que buscaban, que o mundo se transformase nunha xigantesca e sofisticada máquina para producir o máximo beneficio, controlada por unhas reducidas oligarquías que practican o terrorismo capitalista. O monstro especulativo insaciábel que nos levou á crise foi alimentado e está sendo mantido pola dereita conservadora e tamén pola dereita máis progresista, representada esta última polos mal chamados partidos socialdemócratas.
   
Non se vía vir esta crise xeralizada? O espelido Oskar Lafonteine xa no 1999 abandonou para sempre a fraude socialista do SPD. Aquí, en troques, continuou o engano electoral e a extensión do imperio do pensamento único, amplisimamente representado no Parlamento español. Mesmo unha vaga de afán lucrativo desenvolveuse como un cancro entre a clase política socialista, até o punto de que na Galiza é a organización con máis tránsfugas. Mentres tanto, Núñez Feijóo aplícanos á perfección as receitas do catecismo neoliberal, facendo recuar o noso débil estado de benestar,  privatizando e precarizando de forma alarmante os servizos públicos.

Quérese facer pagar a gravísima crise económica aos que non a produciron, aos asalariados, mentres bancos e especuladores saen indemnes. Non se aplican as medidas oportunas: debida fiscalización dos SICAV, persecución da fraude, supresión de deputacións e Senado, control dos gastos da Casa Real, deixar subvencionar os colexios concertados, eliminación das pensións vitalicias do plus dos altos cargos, etc. Coa drástica iluminación cidadá por mor desta situación límite podería xurdir unha esquerda auténtica e non subalterna, que axudase a rematar co inmobilismo.

Comentarios