Informe Pisa e educación

OS RESULTADOS do Informe Pisa para o ano 2012 mostran un certo estancamento con respecto ao anterior realizado no 2009, tanto para Galicia como para o conxunto de España. Este informe é o resultado dun Programa Internacional de Avaliación realizado nuns sesenta e cinco países a estudantes do nivel de educación secundaria cuns quince anos de idade e baixo a supervisión da Ocde, que se encarga da realización dunhas probas comúns. A pesar diso algúns expertos cuestionan os seus resultados debido ao modo de deseñar as preguntas, ao modo de aplicalas e ao feito de que nalgún sistema educativo chégase a ‘adestrar’ aos alumnos neste tipo de probas. O Informe é bo referente para coñecer o nivel educativo, pero non debera ser o único e nin sequera o máis importante á hora de deseñar a política educativa.

Os resultados en matemáticas tanto para o conxunto de España como para Galicia están un 2% por baixo da media e practicamente no valor medio nos outros dous aspectos avaliados da linguaxe e das ciencias. Os mellores resultados son conseguidos por Corea e Xapón, así como por varios países do norte de Europa. Alemaña tamén está ben situada, pero Italia, Francia e Gran Bretaña, así como Estados Unidos obteñen uns valores similares aos dos nosos estudantes. Isto debera servir para relativizar eses resultados, aínda que non para obvialos ou non extraer deles algúns ensinos. Un deles é a escasa mellora acadada con respecto aos anteriores informes realizados desde o ano 2000, a pesar do aumento no orzamento educativo da pasada década, mentres que agora pódennos preocupar os efectos que poden ter os recortes dos últimos anos.

Unha diferenza importante cos países nórdicos que ocupan os postos de cabeza está na importancia dada por esas sociedades á educación, un asunto que non aparece sinalado como unha das primeiras preocupacións dos nosos cidadáns en diversas enquisas sociolóxicas realizadas nos últimos anos. Pola contra, a educación é un asunto básico para o futuro nuns tempos de cambios científicos e tecnolóxicos acelerados, que permiten unha gran capacidade de acumular e procesar a información. A educación ten que mirar necesariamente para o futuro, pois ten como obxectivo a formación dos adultos do mañá e ten que responder a estes cambios que deberían ser unha preocupación básica na nosa sociedade e para a mellora do noso sistema educativo.

Comentarios