Infalible, de momento

UN DOS FEITOS que están a poñer máis distancia entre a igrexa católica e os tempos que corren é o papel secundario que se atribúe á muller. Baseándose na idea da diferenza e complementariedade entre os sexos, resulta que son os varóns os que ocupan todos e cada un dos postos xerárquicos. Por iso foi tan especial a situación de sor Pascualina dentro da corte do papa Pío XII, non tanto polo seu emprego como ama de chaves, que entraría dentro desas funcións auxiliares propias da condición feminina, senón por ter exercido tamén como secretaria persoal e oficial do pontífice. Desde ese cargo tivo poderes excepcionais e chegou un momento no que no Vaticano non se movía unha folla sen que esta monxa alemá de forte personalidade dera a súa aprobación. Ela era quen concedía ou negaba audiencias, e son famosos os desplantes que lle fixo a importantes personalidades, entre elas os futuros papas Xoán XXIII e Paulo VI. Tanto era o seu poder que tiña á súa disposición o coche oficial do mesmo papa, cando o necesitaba para as súas viaxes fóra dos palacios apostólicos. Por iso debeu resultar dramático o momento no que un cardeal lle deu a orde de marchar do Vaticano inmediatamente despois do falecemento de Pío XII. Cunha pequena maleta e a gaiola cos paxaros do defunto papa, cruzou a praza de San Pedro na procura dun taxi, sen saber moi ben que rumbo coller despois de corenta anos ao servizo de Eugenio Pacelli. Tanto Xoán Paulo II como Benedicto XVI tiveron menos problemas á hora de buscarlle un futuro laboral aos respectivos secretarios e asistentes. Sendo varóns (as monxas seguían encargadas das tarefas domésticas), había na igrexa ducias de cargos que darlles, e ambos optaron por nomealos arcebispos. Seguramente sospeitaban que os que viñeran detrás poderían darlles un trato tan pouco cortés como o que recibira a monxa Pascualina. Xa se sabe que nada hai máis incómodo para un recén chegado a un cargo que os antigos inquilinos, malia que sexan cuña da mesma madeira. Velaí os casos de Felipe González ou Aznar, nunha constante relación de amor odio cos presidentes que chegaron despois, ata o punto de que Felipe recoñeceu sentirse como un xarrón chino: decorativo, inútil e incómodo. Estou seguro de que nada semellante ocorrerá con Benedicto, pero non está nada claro o papel que lle terá reservado a curia. Ata o día vinte e oito el ten as chaves de San Pedro, pero a partir dese día terá que pedir unhas prestadas.

Comentarios