''Incentivaremos o desfile para que colla o auxe de anos anteriores''

Bernardo Fraga, cos carteis do Entroido.
photo_camera Bernardo Fraga, cos carteis do Entroido.

O primeiro tenente de alcalde de Viveiro está satisfeito polo resultado da actividades celebradas, pero tamén viu unha marxe de mellora que pretende reducir en vindeiras edicións. Falará cos grupos que participan nesta festa para, sobre todo, impulsar o desfile.


O concello de Viveiro acaba de despedir unha das súas principais celebracións, o Entroido. Unha festa singular cuxa posta en marcha correu a cargo da área de cultura, que encabeza o primeiro tentente de alcalde, o nacionalista Bernardo Fraga.

Que balance fai do Entroido, que practicamente organizou?

En termos globais estamos satisfeitos co resultado. Foi un Entroido no que participou moita xente en tódalas actividades e quero agradecer ós dous grupos que nos axudaron e que levaron todo o peso do traballo.

Notouse nas Alpuxarradas o cobro da entrada?

Houbo moito público, máis de 300 persoas. Había moitos anos que non se cobraba e esta vez puxemos dous euros como entrada simbólica e ó mellor houbo algo menos de xente, pero non creo que tivera que ver o cobro da entrada. O que non baixou foi a calidade dos participantes, que son máis ou menos os mesmos que en anteriores edicións, e tamén sufrimos algunha crítica no espectáculo, lóxica dada a nosa posición, pero tomámolo con humor.

Ó final puidéronse facer os xogos para os nenos na Praza Maior.

Si, durante todo o Entroido fixo un tempo estupendo e a praza estivo repleta de nenos nos xogos que se instalaron. Nesta actividade, para o ano que ven imos facer unha mellora, que será poñer música.

Unha das novidades deste ano foi o monólogo, como resultou?

O de Carlos Blanco foi un espectáculo. É a primeira vez que se pon un monólogo no programa do Entroido, para dar un toque humorístico e como continuidade ás Alpuxarradas, e vista a acollida repetirase en edicións sucesivas, con outros monologuistas.

Mantívose a participación no desfile do martes?

O desfile saiu moi ben aínda que houbo algo menos de participación. Unha das cousas que temos que cambiar ó respecto é que temos que anunciar con máis premura os premios que se dan, pero en principio estamos satisfeitos co resultado. Eso si, tamén buscaremos incentivos de que a xente participe máis e colla o auxe que tivo en tempos anteriores.

En todo caso resultou boa a colaboración coas asociacións de comerciantes?

Por suposto, e témoslles que agradecer as súas aportacións. A colaboración con estes colectivos supón unha moi boa dinámica para manter e mellorar diferentes eventos e actividades socioculturais no concello.

Vista a participación no Enterro da Sardiña, semella que a continuidade da tradición está asegurada.

É unha tradición de moitos anos e o facelo así é unha singularidade. Foi unha delicia que se recuperara na anterior etapa do bipartito e o relevo está garantido.

Que fai singular ó Entroido de Viveiro?

Case todo. As Alpuxarradas non son un concurso de coplas; alí cada un sobe e di o que quere, e esa é unha cousa que só se fai aquí. Logo, o desfile sempre é moito máis humorístico e máis elaborado que o doutros lugares, pero a todas luces o enterro é un dos máis singulares.

Prevén facer algún outro cambio para a edición do ano que vén, ademais de poñer música nos xogos dos nenos?

Máis adiante queremos reunirnos con toda a xente que participa no Entroido de Viveiro e introducir algún cambio. Hai que facer unha análise, a máis importante no caso do desfile, para ver como é posible unha mellora ampla no seu funcionamento.

Comentarios