Impudicia

HAI TEMPO, moito tempo, eu era admiradora de Mercedes Milá. Recordo, non sen nostalxia, aquelas entrevistas maxistrais na televisión a nos revelar personaxes sorprendentes e singulares, por exemplo unha monxa de clausura capaz de espertar a simpatía dos máis escépticos.

Mais é posíbel que pasase varios anos coas súas horas a agardar por unha chamada que lle ofrecese traballo á altura das súas expectativas económicas. Chegaran os días da superficialidade, da valoración da beleza e xuventude sobre a experiencia e o coñecemento. Pasaran outros presentadores máis guapos por Gran Hermano, o programa que, a evocar o ollo que todo o ve, o Gran Irmán da novela ‘1984’ de Orwell, ofrece en directo as vinte e catro horas de persoas descoñecidas que xa non volverán selo, e daquela aterrou ela, seguro que moitos cartos por medio, porque cumpría darlle altura, visos de alto experimento sociolóxico, a un programa ideal para laretas e ‘voyeurs’ pouco esixentes. Pero moito me parece que aconteceu ao revés, que foi o programa o que a abaixou a ela.

Hai pouco sentín vergonza allea escoitándoa. Non vexo Gran Hermano porque o tal programa e as súas secuelas me producen moito rexeitamento, ese rexeitamento das cousas que nos aburren profundamente. A dicir verdade, só vin algo da primeira edición e algúns momentos doutras cando se filtraron en espazos ou canles que non lles eran propios. Aínda así, sei que se está a celebrar unha nova edición, se non me equivoco a número trece ou catorce. Malia non ser tempos para se sorprender por nada, abofé que me abraia a persistencia na pantalla de semellante enxurrada de fastío. Porén, a corrección política obrigaríame a calar á vista das moitas persoas que están pendentes do que acontece na casa que lle serve de escenario ao ‘reality’: algo terá a auga cando a bendín. Pero vin á Milá noutro programa e deume noxo. A súa conversa versou maiormente sobre as propias defecacións e non en sentido figurado, senón en sentido real e parando en descricións minuciosas. Pura coproloxía ou, se o prefiren, alta escatoloxía na segunda acepción do termo. Foi toda unha revelación, un abrirme os ollos sobre as orixes dun feito que resulta a cadora máis patente: a perda do pudor.

Eu non sei se Mercedes Milá era xa así antes de Gran Hermano; pero, se o era, gardábao para a intimidade. Velaí a cuestión máis ligada ao pudor, o sentido da intimidade. Non o teñen os simios que, encerrados na gaiola, o mesmo copulan que xogan coas propias feces á vista dos visitantes do zoo. O programa de marras cadraría ben nese contexto. E, desde logo, se a madura presentadora non sae incólume del, ¿que lle resta á xente nova?

Comentarios