Impresionismo político

GUSTO DO impresionismo pictórico, esa corrente que naceu a finais do XIX en Francia como reacción contra a arte académica. Era a Academia Francesa de Belas Artes a que impoñía as súas fórmulas artísticas para poder acceder ao ‘sancta sanctorum’ do patrocinio para as exposicións. Os impresionistas elixiron a pintura ao ar libre, os temas da vida cotiá e, sobre todas as cousas, os efectos da luz natural, lonxe dos salóns. Prescindiron de detalles nimios e usaron, sobre todo, as cores primarias e as complementarias laranxa, violeta e verde, conseguindo así unha grande luminosidade. De aí arrinca a arte contemporánea.

Non é difícil atopar un certo paralelismo co nacemento de Podemos, esa organización política que, de atérmonos aos modelos vixentes, non somos quen de asegurar que sexa organización nin que sexa política. Mais, por favor, non conclúan aínda que estou a favor ou en contra deste movemento.

Digo movemento e, seguramente, ese é o nome que mellor lle cadra. Máis dun millón de votantes adheríronse a el. No programa, como na arte impresionista, tamén se utilizan as cores primarias, léase necesidades básicas, xunto coas complementarias, enténdase cultura, por máis que esta poida formar parte das primarias para moitas persoas. E abandónanse os salóns para que todo aconteza ao ar libre, ou sexa, fanse asembleas abertas nas que calquera pode opinar e achegar ideas. Até aquí, moi ben. Despois, todo son preguntas. A primeira, seguindo co paralelismo artístico, sería se de Podemos vai arrincar tamén a política do futuro. Pero hai moitas máis.

Vai poder Podemos, valla a redundancia, funcionar sen adquirir infraestruturas e maneiras dos partidos tradicionais? Dito doutro xeito, na medida en que medren, se é que isto acontece, terán xeito de se xestionar a golpe de rúa, whatsapp e twitter ? Non é ese un espazo demasiado vulnerábel ao intrusismo e sabotaxes? Van seguir pensando que os pioneiros das decisións asemblearias son eles? Consideraranse sempre os puros, os non contaminados, como novos cátaros se trocamos por política o que neles era relixión, integrista, iso si? Por último, porque o espazo manda malia termos máis preguntas, que pasaría se desaparecese o caudillo? Lembren o seu retrato nas papeletas.

Teríame gustado que, nalgún dos múltiples foros en que se lle deu cancha a Pablo Iglesias lle tivesen preguntado polos grandes problemas de Galiza. Porén, o impresionismo non entra en detalles. Dáse a circunstancia de que aquí hai organizacións galegas que os teñen identificados, denunciados e con alternativas de solución. Ás veces o máis difícil e ver o que temos ao lado.

Comentarios