Impostos e grandes fortunas

A crise ten afectado a unha maioría dos cidadáns de modos diversos. Nuns casos pola perda do seu emprego, noutros por problemas nas súas empresas ou pola redución dos orzamentos públicos que resultaron en descensos nos salarios dos funcionarios, a conxelación das pensións ou deterioro nos servizos prestados.

A recadación de impostos quedou moi minguada e provocou importantes problemas de déficit, que se trataron de resolver sobre todo por medio da redución do gasto público. Nestes tres duros anos de crise que xa levamos recorrido ningún dos gobernos europeos establecera ata hai unhas semanas un imposto ou gravame especial para os cidadáns cós ingresos e os patrimonios máis elevados. É como si non se atreveran a impoñer unha contribución adicional aos que contan con máis recursos.

Por iso non deixa de ser curioso que tivera que ser un grupo de dezaseis persoas, todas elas incluídas entre as grandes fortunas francesas quen pedira publicamente, antes de que o fixera o seu goberno, o establecemento dunha contribución excepcional aos contribuíntes máis ricos para axudar a enfrontar a crise. Este ofrecemento parte de considerar que as súas empresas se teñen beneficiado dun modelo francés e dun entorno europeo, aos que están plenamente vinculados e que desexan seguir preservando. Polo tanto non estamos ante un comportamento con fins puramente altruístas, senón intelixente na defensa dos seus intereses. Ante o perigo dunha crise que pode provocar profundos danos non só no seu país, senón no conxunto dos países europeos que constitúen a base dos seus negocios, expresan a súa disposición a colaborar no gasto público cun imposto razoable. Esta referencia á dimensión europea é lóxica se temos en conta que forman parte deste grupo os presidentes de empresas como a de automóbiles Peugeot Citroën, a pretrolífera de Total, a alimentaria de Danone, a de cosméticos de L’Oreal e a de servizos financeiros de Société Général.

Hai uns días o goberno francés ten aprobado un plan para facer fronte á crise que xa contempla unha taxa excepcional e temporal que se vai aplicar aos contribuíntes con ingresos superiores aos 500 mil euros anuais, que suporá un recargo dun 3% sobre a cantidade que supere ese límite.

Este documento francés foi recollido e difundido amplamente nos medios de comunicación en España, do mesmo modo que outra iniciativa similar de Warren Buffet, unha das maiores fortunas norteamericanas, que tamén ten pedido publicamente un cambio no seu sistema impositivo, que considera que é demasiado xeneroso cos máis ricos.

Por iso non deixa de ser rechamante que no noso país o goberno non tivera establecido pola súa propia iniciativa unha carga similar para as grandes fortunas. E tamén resulta elocuente o silencio das grandes fortunas e españolas e tamén galegas, que nalgúns casos superan amplamente o patrimonio de boa parte dos asinantes do documento francés.

Comentarios