A importancia de facer unha elección axeitada

A elección do próximo secretario do partido socialista transcende ao propio ámbito dos seus simpatizantes por ser tamén un asunto importante para o conxunto da sociedade polo papel que o PSOE desempeñou dende a recuperación da democracia, tanto nas súas responsabilidades de goberno como cando actuou na oposición. A pesar do importante descenso rexistrado nos seus resultados electorais e na redución do seu peso institucional, parece difícil que non siga sendo o principal referente da esquerda para poder formar gobernos nas tres escalas do Estado, das Comunidades Autónomas e dos Municipios.

A súa situación actual é o resultado dalgúns erros propios e tamén da crise no modelo socialdemócrata para adaptarse aos novos retos sociais e económicos nesta era da globalización. A socialdemocracia en Europa e o PSOE en España cos gobernos de Felipe González tiveron un papel básico no desenvolvemento dos servizos de educación, de sanidade e no avance dos dereitos dos traballadores.

En España o abandono de gran parte dos votantes do PSOE foi debido os erros cometidos na última etapa do goberno Zapatero. Despois de levar adiante avances importantes nos dereitos e liberdades, non avaliou ben o verdadeiro alcance e profundidade da crise, aplicando despois uns recortes que eran contrarios a un programa recen votado, que precisaba ser revalidado por unha moción de confianza no Parlamento e ser ben explicado e xustificado ante os cidadáns.

A base de recuperación do PSOE está pois en recoñecer estes erros e en explicar o que se pretende con claridade, presentando unha alternativa coherente e posible dende a esquerda para estes tempos de crise. Compre ter unha posición máis clara e decidida con respecto aos casos de sospeitas de corrupción, pudendo ser necesarias solucións políticas que se adianten ás xudiciais que neste País chegan con moito atraso. Hai que afondar nas propostas económicas e enfrontarse ao aumento das desigualdades sociais, que corren o perigo de ampliarse. Non ter medo de utilizar un sistema fiscal progresivo para apoiar os servizos básicos e facer fronte aos excesos das retribucións dos grandes executivos que a miúdo non están en relación cos resultados obtidos no seu traballo. Neste senso un traballo recente de Thomas Piketty propón recuperar os tipos de fiscalidade elevada (superiores ao 60%) que existían en Europa e Estados Unidos antes da década dos oitenta para desincentivar esas retribucións excesivas por enriba dos 500 mil euros anuais.

Hoxe finalizo, alomenos temporalmente, a miña colaboración semanal con El Progreso, agradecendo os lectores e o xornal a oportunidade que me deron nestes últimos anos.

Comentarios