lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

A importancia de abrir xanelas

Os autores galegos teñen tanto talento que, cando poden compararse con outros en festivais internacionais, aos programadores, crítica e xurado non lles importa que a película estea falada en galego ou en finés. Acóllenas, proxéctanas, e en ocasións, ata as premian

O MES PASADO, o director de cinema Oliver Laxe publicaba unha carta aberta no xornal El País explicando por que non facía películas en España. O texto, un resumo dos atrancos que recibe por parte de TVE, non era unha queixa: "Son fillo de emigrantes: se non gusta o que hai, vaste a outro lugar, sen victimismo. Con soberana e saborosa submisión. Sen dramatismo (...). Aínda así, teño claro que no fondo non depende da televisión pública española que eu poida facer ou non as miñas películas: podo facelas en outro lugar, teño facilidade para facer amigos. Ou podo facelas aínda máis pequenas, e que se lles coen outra vez por debaixo das pernas. Xa pasou dúas veces. Volverá a pasar".

Desde hai anos, en mesas redondas, entrevistas e charlas en bares, cineastas, guionistas, produtores e críticos galegos coincidimos nun diagnóstico: faltan xanelas para o cinema galego. Non temos unha malformación xenética que nos impida expresarnos mediante películas, como fan os nosos veciños. De feito, os autores galegos teñen tanto talento que, cando poden compararse con outros en festivais internacionais, aos programadores, crítica e xurado non lles importa que a película estea falada en galego ou en finés. Acóllenas, proxéctanas, e en ocasións, ata as premian.

É certo que, ultimamente, abíronse algunhas desas xanelas. Festivais pequenos ou moi pequenos, ás veces locais, proxectan cine galego. Pero non por militancia, senón porque é bo. Ás retrospectivas que lle adica Cineuropa, desde hai tempo, hai que engadir Novos Cinemas en Pontevedra, a Escolma de Cinema Galego en Sarria, Curtocircuíto en Santiago de Compostela, ou o Play-Doc de Tui. Ademais, cineclubes de toda a vida, como o Valle Inclán de Lugo —que mañá, precisamente, estrea na cidade Mimosas— permiten que o espectador galego vexa as historias creadas polos seus, xa sexa con cartos galegos ou franceses.

Pero falta por abrir unha gran xanela: a televisión pública. No proceso de normalización da lingua galega, a radio e a televisión eran figuras estruturais no deseño da política lingüística para a inserción do idioma no núcleo central das nosas casas. Nos anos 80 e 90, a TVG axudou, como ningún outro medio, a configurar e a popularizar expresións, verbos e substantivos grazas ao fútbol, ás series e a segundos e terceiros pases de películas que xa pertencían ao imperio sentimental dos espectadores.

A TVG fixo moito pola normalización lingüística, pero moi pouco pola normalización cultural e, sobre todo, audiovisual, se exceptuamos anomalías como Zigzag diario. Non é a única responsable de que o cinema en galego estea asociado, como un instinto pavloviano, á nosa literatura clásica (A Esmorga), pero si a máis importante. Arredor dela debería terse creado todo un ecosistema cultural que mostrase o máis demandado, pero tamén o máis raro, o máis valente e o máis insospeitado.

Como sempre di Laxe, as películas necesarias acabaranse facendo tarde ou cedo. Da televisión pública dependerá que nelas se fale en galego ou en inglés.

A importancia de abrir xanelas
Comentarios