Imos facer un crowconfundin pra axudar ao Artur Mas...

Os Pelúdez van á Feira Medival, ao cienfalópodo e aos Secretos

PELÚDEZ XA o tiña anunciado:

–Como mañá é o último día, primeiro daremos unha volta ao Medievo, pasaremos pola Reconquista, xantaremos coa Restauración, escoitaremos misa cos Romanos e logo, a durmir ata o Renacemento.

O do Medievo estaba claro, a misa en latín tamén, a Restauración tampouco tiña dúbidas, o resto... vai ti e bótalle un galgo.

Cando coincidimos pregúntolles polo que lles pasara antonte, que non os vira.

–Pois non o sei moi ben. Foi todo un pouco repetitorio. Polo que lin, fixemos as mesmas cousas do día anterior co debuxo do Santy do día seguinte. Se cadra é un buque no tempo.

–Bucle, chámase bucle.

–Iso dixen. Como cando aquel da pelíncula que espertaba e vía unha marmota, espertaba e vía a mesma marmota; que a min tamén me ten pasado, pero cunha vaca que había na casa que atendía por Teberga porque era asturiana. Ela viña lamber o meu rostricio todas as mañás e logo xa tiña o pelo mollado e peiteado que daba xenio velo.

–E por onde estiveron onte?

–Ai, onte le fue do mellorcismo das festas! Fomos á festa do Deporte de El Progreso e paseino de medo –di a Filo –. Había tempo que non choraba tanto.

–Muller! Calisquera que che escoite vai pensar que fuches a un concurso de pelar cebola!

–Non, o que aconteceu foi que tanto co Margaride coma co Piña, veume así de embaixo coma unha vaga de mar salgada cara aos ollos. Enchéronseme tantismo de auga, que pensei que tiña neles centolas e lumbrificantes. Daquela houben de desbotar unha pouca non fose que afogara a meniña.

–Que meniña?

–A dos ollos! Ou é que aínda non sabes que temos unha metida na pupila?

–Seino –acepta o Peludo.

–E ti tampouco te fagas o destraído, que ben te vin sorbendo as bágoas pra dentro.

–É que me entrara unha faísca que mos deixou encarnados.

–Sí, unha faísca... Amocionado! Que estabas amocionado!

Entón aparece a Vanesa cun cesto de vimbio na man que collera na feira.

–Ollade que cousa máis churrusqueira merquei pra poñela toda chea de gladiolos!

–Pero se non temos gladiolos! –protesta Pelúdez– Todo canto máis, un xeranio vermello ao carón da pila e unha presada de pirixel. E non lle vas a sacar a flor pra poñela na cesta, porque iso é coma espir a un santo para vestir a outro.

–Dende logo é vostede máis repuñante cos da CUP, que non lles acaen ben nin eles mesmos.

–Di que si –apoia a Filomena–. A este ofecérono de cativo á Virxe do Puño e se lle falas de mercar gladiolos, pensa que son moi caros porque non serven pra comer. Ti tranquila. Fixeches moi boa compra. Por certo, canto pagaches por ela?

–Vinte euros.

–Arrecontradiola! Pois si que podiamos meter os gladiolos nos cús das galiñas!

–Avoa! Que hai nenos de diante!

–A avoa dixo cú! A avoa dixo cú! –berra o Jarrisonciño.

–E a túa nai tamén!–revólvese a Filomena.

–Eu non dixen tal –nega Vanesa– Falei dos da CUP, que non é o mesmo.

–Tanto ten.

–Vale, vale! –métese o Peludeciño– Vou mediar no conflito pra que haxa diálogo. Neno, ti calas. Mamá, colle a cesta. Vanesa...

–Que?

–... o que ti digas.

–Así me gusta, coma os da CUP.

Xantamos nas casetas e na sobremesa, dille a muller.

–Hoxe paga ti, que o outro día fíxonos o convite a Reborita e non é cousa de que nos teña por uns aproveitados.

–Tes todo o raciocinio.

Entón Pelúdez sobe enriba da mesa e dirixíndose aos presentes, di: 

–Miñas donas e meus señores. Queríalles anunciar unha boa nova. Este ano os Pelúdez imos facer un crowconfundin pra axudar ao Artur Mas a pagar a súa débeda. Daquela, con 50 céntimos, poderemos evitar que vaia á cadea...

A xente dá en asubiar con claras mostras de desgusto, polo que o home volver falar.

–Está ben. Enténdoo. Imos a outro. Por 30 céntimos axudamos a pagar a pulpada a unha familia en aperturas. Eiquí van os meus trinta.

A xente ponse moi leda e paga os euros encantada. Tanto que a Pelúdez sóbranlle cinco prós cafeses. Chíscalle un ollo a Filomena e bisbéalle: "Que che pareceu a miña estratexia comercial?".

Con Los Secretos bailan ata desmaiar e coas forzas que lles quedan, din:

–De hoxe nun ano. Viva a San Freilán!

Comentarios