Imaxinación ao poder

Propoñamos unha serie de solucións a problemas que xa están enraigados en Lugo pero que adoitan pasar desapercibidos. Xa se sabe que nesta cidade o que máis importa son as infraestruturas como a ponte nova, o Cetal, as autovías ou o auditorio, pero hai situacións máis urxentes que reclaman solucións inmediatas e imaxinativas.

É o caso do parque Rosalía de Castro. E non me refiro aos edifi cios proxectados para as costas senón a algo máis biolóxico. Se Gustavo Adolfo Bécquer vivira no entorno do parque os seus versos serían ''volverán los oscuros estorninos, en tu coche sus heces a posar'' no canto dos tan coñecidos das anduriñas. A cantidade destes paxaros e de pombas que se xuntan nas pólas das árbores do parque fan lembrar a famosa película de Alfred Hitchcock. Ademais, a capacidade de defecación destes bichos é de tipo industrial, como poderá comprobar calquera que estacione o vehículo nas inmediacións.

Como cabe supoñer que o Concello non pode eliminar os estorninos sen caer nun sempre indesexable e incómodo enfrontamento cos irreductibles seguidores de Adega, haberá que buscar fórmulas para paliar os efectos da presenza dos animais. Un deles sería deixarlles chocolate, arroz, cacahuetes e te para a súa manutención. Todos estes alimentos producen estreñimento e, se os convertemos na dieta dos estorninos, conseguiremos que os coches só se ensucien un día si e un non. Algo é algo. E, polo menos, os veciños verían que se fai algo para paliar o problema.

Outra situación anómala e que empeza a eternizarse é a presenza dunha grúa entre a muralla e a catedral. Está destinada á construción dun edificio que, polo que vexo, leva meses parado. Dado que a obra vai para longo (se é que vai), unha boa opción sería revestir de pedra a estructura da grúa, de xeito que quede integrada na paisaxe e non chafando as vistas dos dous monumentos máis emblemáticos que temos na capital.

Os coñecidos como ‘gorrillas’, eses que nos indican onde aparcar nas inmediacións do hospital a cambio de non raiarnos o coche, tamén deixarían de ser un estorbo se aplicásemos o enxeño. Sería fácil convertelos en funcionarios e, unha vez adquirida tal condición, non tardarían en coller a baixa igual que fan boa parte dos policías municipais.

Xa que nada indica que problemas tan sinxelos se vaian resolver por cauces normais, botémoslles imaxinación.

Comentarios