Imaxes e palabras

NUNCA considerei demasiado acertado o vello aforismo que asegura que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Nin tan sequera rebaixando considerablemente o número dos vocábulos estaría disposto a admitir de boa gana que, agás en casos e circunstancias moi puntuais, unha figura sexa capaz de activar en calquera de nós o mecanismo que as palabras, mesmo por veces unha soa, pode poñer en marcha na nosa imaxinación avivecendo lembranzas e sentimentos que soamente nos pertencen a cada un. J.R.R. Tolkien non permitía que os seus libros levasen ilustracións convencido de que con elas coutábase a fantasía establecendo vieiros que non necesariamente serían os mesmos polos que o lector habería circular se utilizase os seus propios medios e estou convencido de que calquera que comece hoxe a ler por primeira vez ‘O señor dos aneis’ dificilmente poderá evitar que os personaxes e os escenarios que o escritor describe non teñan a feitura dos que aparecen nas películas que sobre os libros se fixeron, fóra de que o lector o desexe así ou non.

Servidumes, diráseme, de vivir nun tempo no que a perfección da imaxe e, sobre todo, a facilidade coa que podemos acceder a ela enche case por enteiro o fardel das nosas necesidades de comunicación e mesmo dispón os nosos modos de relación. Por iso cando estoutro día o presidente Rajoy e mais o presidente Obama cadraron no chamado Cumio de seguridade nuclear que se celebrou en Seúl, a fotografía ou o vídeo do encontro dos dous mandatarios foi portada en todos os xornais e noticiarios que, ademais, nos informaron de que Obama dixo a Rajoy que as súas fillas estudaban español e este fixo saber ao estadounidense que os seus fillos andaban a estudar inglés. E aí, coma quen di, parecía radicar todo o interese informativo dun encontro no que, aínda que non fose moi longo, outras cuestións se tratarían. Ou sexa que o único que en verdade importaba era a foto, esa que hai que se facer co «home máis poderoso do mundo» -todos lembramos os traballiños que Rodríguez Zapatero pasou no seu día até lograr retratarse con Bush- e que se vise ben quen aparecía nela.

Se, ademais da imaxe, o único salientable é unha conversa como as que se dá calquera día entre dous matrimonios que coinciden á saída do ximnasio e calquera información referida ao tratado na xuntanza que os levou a Corea pasa a facer vulto entre a letra pequena e con iso quedamos conformes, como así parece, non creo que a cousa sexa para nos sentir demasiado orgullos da nosa condición e vai sendo hora de que comprendamos que, das crises que xa estamos a padecer, esta da pobreza de determinados valores sociais non é a menos perigosa.

Comentarios