A ilustradora da casa

A guitiricense Patricia Bello vén de acadar un dobre recoñecemento na súa terra, ao deseñar o cartel do Festival de Pardiñas e gañar o concurso de logos do II Plan de Igualdade
Patricia Bello, coa camiseta e a revista do Festival de Pardiñas presididas polo seu deseño
photo_camera Patricia Bello, coa camiseta e a revista do Festival de Pardiñas presididas polo seu deseño

As redes sociais e as rúas inzáronse nas últimas semanas, como ocorre ano tras ano, cunha camiseta que xa case é un emblema, a do Festival de Pardiñas. Tras ese coidado deseño que perdurará no tempo agóchase a creatividade da guitiricense Patricia Bello.

«Para o deseño traballei coa idada da natureza, da música, do espírito celta e folk do festival e, coa mestura deses conceptos, fun facendo, coa idea de que fose un tanto abstracto e unisex», explica Patricia, quen precisa que, aínda que o encargo foi para deseñar o cartel, sempre se parte del para a camiseta, polo que ela fixo o proceso inverso, creou algo que se adaptase a unha prenda de roupa e logo levouno á cartelería.

«Foime máis doado enfocalo así», conclúe esta moza licenciada en Belas Artes, que pasiño a pasiño está a conseguir ser unha profeta na súa terra, aínda que as cuestións laborais -traballa como guía e como monitora de obradoiros para nenos en Pontevedra- a manteñan lonxe da súa casa.

Patricia, licenciada en Belas Artes, tamén logrou gañar o concurso para crear a imaxe do SUBLIMe Art Fest de Barcelona

E é que a recoñecible e multiplicada imaxe de Pardiñas para este 2016 non é a súa única creación salientable, xa que Patricia vén de gañar tamén o concurso de logos do II Plan de Igualdade Municipal de Guitiriz. «Estaba a punto de durmirme cando se me ocorreu a idea e tiven que levantarme para apuntalo», conta sobre a súa proposta, ‘Vagalme’, que foi seleccionada entre un total de 18 ideas, e será a que identifique todos os documentos ou actividades que teñan que ver con este tema.

A estes pequenos grandes pasos a nivel local para facerse un oco no mundo do deseño gráfico, da moda ou da ilustración, campos nos que se segue a formar, Patricia suma outros puntos favorables alén das fronteiras galegas, coma gañar o concurso para crear a imaxe do SUBLIMe Art Fest de Barcelona.

Os pequenos encargos de aquí e de acolá e o verse recoñecida en Guitiriz -«sempre dá gusto que onde es che valoren o teu traballo»- axúdanlle a manter acesa a chama dunha ilusión que xa se forxou cando era pequena, na escola, cando «sempre facía a parte artística dos traballos en grupo ou traballos por libre en Plástica».

Comentarios