A illa coruñesa

Desde hai vinte anos a península da Torre, na que se sitúa a cidade da Coruña, vénse tentando converter nunha illa dentro da nosa Comunidade Autónoma, polo seu singular PSOE, gobernante no Concello. O anterior alcalde, Paco Vázquez, copia devaluada dun Rei-Sol municipal, que se expresaba en ''coruño'', quixo conservar o desprezo e mesmo aumentar a marxinación da lingua e cultura galegas, praticada nos corenta anos de ditadura franquista.

A súa xestión caracterizouse, entre outras cousas, por un absoluto antigaleguismo e un localismo exacerbado. Naqueles anos de maioría absoluta vazquista non se redactaba nin un só documento no Palacio de María Pita en galego, non había obras de teatro en galego e case ningún acto relacionado coa nosa cultura. A Vázquez só lle interesaban promocionar as touradas españolas, ás que asistía cun grande puro na boca, como auténtico personaxe rancio de zarzuela.

Todo isto só se pode explicar como produto dunha mentalidade profundamente acomplexada e inculta, que quería facer esquecer á cidadanía o relevante papel histórico e as valiosas achegas da Coruña á cultura galega, da que a Academia Galega e as Irmandades da Fala son dos exemplos sobranceiros. Naqueles anos desexábase mudar á cidade herculina nun paraíso fiscal para o negocio especulativo urbanístico da súa cobizosa oligarquía. Nunha urbe moi distinta daquela republicana, con conciencia de clase e galeguista de antes do franquismo, por unha amorfa e españolizada, apoiándose en antigos sectores franquistas locais. A transformación da península nunha illa facilitaría estes dous obxectivos.

O raro e cantonal PSOE coruñés perdeu a maioría absoluta con Losada e viuse obrigado a pactar co BNG. Malia cambiar algo as liñas da súa política municipal, segue a día de hoxe sen permitir que A Coruña conte, como as outras cidades galegas, cunha ordenanza ou regulamento da nosa lingua. Mesmo a través da presidenta da Federación de Asociacións de Veciños que controla, quixo iniciar unha recollida de asinaturas para oficializar o topónimo castelán da cidade. O alcalde Losada, porén, aseguraba de maneira grotesca hai uns meses: ''Ni estúpido, ni antigallego; soy gallego hasta las cachas''.

O 1 de marzo pasado a concelleira nacionalista de Normalización Lingüística defendeu no pleno unha moción a prol dunha ordenanza para a promoción do uso do galego na vida municipal, tal como estaba recollida no acordo de formación do bipartito coruñés. A ordenanza proposta, moi moderada, conforme a dereito, referendada por un informe da asesoría xurídica municipal, sustentábase en artigos da Constitución, do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e da Lei da Administración Local.

Os concelleiros do PP, como era de esperar, votaron en contra, mais tamén os do PSOE. Só houbo o voto favorábel dos nacionalistas. A cidade da Coruña, a diferenza dos concellos das outras cidades, da Deputación provincial e da mesma Xunta, aínda non cumpre cos mínimos de normalización lingüística recollidos nestas leis, Segue sendo unha illa, por mor dos seus peculiares políticos locais.

Comentarios