'Il disoluto punito'

NO PRIMEIRO ACTO de ‘Don Giovanni’, a sonada ópera de Mozart, con libreto de Lorenzo da Ponte, cuxo significativo subtitulo é ‘Il disoluto punito’, Leporello informa a dona Elvira das andanzas amorosas do seu señor en toda Europa, que el foi anotando nun libro e cuxo catálogo de conquistas lle vai recitando: en Italia seiscentas corenta, en Alemania duascentas trinta e unha, cen en Francia e noventa e unha en Turquía, «ma in Ispagna son già mille e tre». A voz de baixo do criado refírese logo á variedade de clases e profesións: labregas, camareiras, condesas, princesas... foron caindo nas poutas do disoluto. Pois ben, os medios de comunicación poñen estes dias de actualidade a historia do libertino que o xenio de Salzburgo converteu nunha das máis coñecidas e existosas óperas da historia, pero situando tanto o protagonista como o lugar da acción preferentemente en Italia e non en ‘Ispagna’. E do mesmo xeito que o propio Wolfgang Amadeus introduciu variacións e modificacións despois da sua estrea en Praga para representala en Viena, un libretista actual non teria demasiadas dificuldades contando coa inspiración que o primeiro ministro italiano señor Berlusconi ofrece periodicamente.

O enxeñoso Da Ponte aproveita a figura do crápula protagonista, para facer unha dura crítica das clases poderosas do antigo réxime, pois que o caracteriza como déspota e maltratador dos inferiores, orgulloso e sobre todo, impune. Tan só a afrenta ao Comendador pon en marcha a parsimoniosa xustiza. Está por ver qué sucede nesa especie de recreación á que aludimos, pois ainda que xa se sabe que a realidade imita a arte, debe ser un proceso sumamente lento. Nen sequer a Igrexa, tan habelenciosa para detectar en España un laicismo que o invade e asolaga todo, foi quen de reaxir. Actúa mais ben coma unha tartaruga, quizais lembrando mutuas colaboracións de antano.

Vai ser que vivimos tempos de laxitude exacerbada, e non só na península itálica a conta de políticos en activo, senón tamén na ibérica con outros xubilados, cando menos de momento. Aí teñen ao señor Aznar impartindo leccións de todo tipo e recreándose a si mesmo como o que non é, ou sexa, obviando a submisión ao presidente Bush, as delirantes afirmacións sobre as armas atómicas en Irak, ou a atribución a Eta dos atentados do metro en Madrid; quere dicirse verdadeiros calotes capaces de transformar ao protagonista nun candidato ideal para que lle medre o nariz como no conto de Carlo Collodi.

E con todo, ainda hai noticias aleccionadoras, capaces de reconfortar cando menos a nivel local, eido igualmente necesitado de abrollos de esperanza. Hai poucos días un concelleiro dunha cidade mariñana, pedia aos seus compañeiros de corporación, a través dunha proposición para ser debatida en Pleno, altura intelectual e unha linguaxe respeitosa.

Comentarios