A Igrexa e os pobres

Láiase Rosalía de Castro no poema ‘Tembra un neno no húmido pórtico’ do fariseísmo dos grandes da terra, que van adorar o Altísimo e non rebaixan un ápice a avaricia diante da pobreza e orfandade do cativiño que se acubilla na entrada do templo. Un seu contemporáneo, Arthur Rimbaud, escribe outro poema titulado ‘Os pobres na igrexa’, bastante máis cáustico que o da nosa autora, pero na mesma liña de denuncia aínda que esta revista outros matices.

Case século e medio despois as cousas non mudaron moito. As igrexas e o seu contorno seguen a ser espazos aos que acoden os necesitados para pediren esmola, uns na porta e outros na sancristía. Isto acontece porque, malia todo, suponse que quen acode a misa practicará, na medida das súas posibilidades, o deber cristián de compartir. Arredor de Cáritas adoita organizarse a captación e distribución das axudas. Eu non teño a máis mínima dúbida da eficacia desta organización e menos da garantía de que o que se doa en cartos ou en especie chega ao seu destino. Os meus reparos ou, se o prefiren, as miñas preguntas son outras. Poño por caso, canto dá a Igrexa a Cáritas. Si, ben sei que a Igrexa non é só a Conferencia Episcopal, mais agora refírome a ela porque entendo que é a que distribúe os orzamentos do que recibe do Estado. Sospeito que os bispos cadran cos grandes da terra de que fala Rosalía e isto á marxe de que, a nivel individual, algúns practiquen a pobreza.

Se non estou mal informada, son 6000 os millóns de euros cos que a administración financia a Igrexa católica, aos que hai que sumar o que corresponda de marcar a cruz na declaración da renda. Nalgures lin que só 6 millóns se destinan a Cáritas e que, malia a crise que fai medrar o número de indixentes, a cantidade permanece inalterábel. Eu non opinaría dunhas contas que escapan ao meu alcance se non soubese cousas tan pouco edificantes como que a Conferencia Episcopal, metida a empresaria de televisión, perde en 13tv máis de un millón de euros ao mes. Esta cadea substitúe a Popular tv que fracasou en Madrid, non así en Galiza, onde transmite desde Santiago contidos ultramontanos , á dereita da dereita máis rancia. Aquí a pregunta é dobre: É coherente co Evanxeo meterse neses negocios podres mentres haxa quen non ten que comer? Por que se condena a Teoloxía da Liberación alegando que defende a participación en política e eles poñen todos os seus medios ao servizo de determinadas opcións? Hoxe a San Ambrosio, que vendeu os vasos sagrados para darlles de comer aos pobres, condenaríano polas mesmas razóns que non canonizarán a Ignacio Ellacuría, un mártir por causa da xustiza.

Agardo que non me excomunguen se digo que non acredito na Conferencia Episcopal; pero si acredito, por exemplo, nunha monxiña que con máis de noventa anos bota horas de pé clasificando roupa en Cáritas.

Comentarios