Ignacio Vilar: ''Preparo unha película nas montañas de Lugo''

Ignacio Vilar, no 'Lucus Augusti' (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Ignacio Vilar, no 'Lucus Augusti' (Foto: Xesús Ponte)

IGNACIO VILAR ten metabolizado o dito de que "se a montaña non vén a Mahoma, Mahoma debe ir á montaña", polo que está levando o seu filme Pradolongo a calquera lugar no que haxa máis de dous galegos xuntos: bares, colexios, sedes de asociacións,... mesmo a levou ao Parlamento galego. Non dá tregua: logo de estreitarche a man, xa che está falando do filme. Onte presentou a súa película no IES Lucus Augusti de Lugo.

—Como a xente xa non acude aos cines, vostede decidiu levarlle o cine onde estean.
—Si, esa é a idea. Pero a xente non vai ao cine porque os americanos decidiron que soamente vaia unha xeración. Soamente lle interesa que vaian os rapaces porque son o que consumen palomitas e Coca-Cola. Hai unha xeración de espectadores de máis de corenta anos que desapareceu das salas.

—Pero non toda a culpa será dos que ofrecen o produto...
—Home! Se tes unha sala, podes ir ao cine ou non; se non a tes, nin tes a opción. Na provincia de Ourense hai soamente un cine, na capital; en Verín ou en Carballiño non hai cine. Ir ao cine é un acto social que non é comparable con mirar unha película na casa na tele ou nun DVD. O único que se necesitan son boas historias, Pradolongo é unha boa historia que implica a catro xeracións e está conseguindo algo tan difícil como levar a xente maior ao cine.

—Algo terá que ver a promoción tan intensa que está desenvolvendo...
—Eu quero facer para que os espectadores se emocionen e se divirtan; logo, se atopan unha mensaxe, pois mellor. A historia desta película é moi especial ao ser de rapaces de entre 16 e 18 anos e iso lles chega moito. Os rapaces ven que son rapaces coma eles. De feito, fixen o cásting por todos os institutos de Ourense, facendo probas a seiscentos rapaces, dos que saíron once para participar nun curso de interpretación. Deles, saíron un protagonista, que é Roberto Porto, e varios secundarios. Ao estar en contacto con tantos rapaces, reparei en que a xente quere oír falar de cine, que segue sendo algo máxico. Nós non podemos competir cos americanos, unha película europea nunca poderá ter os medios das americanas, pero nós temos a vantaxe de que eles non poden facer a promoción que facemos nós chegando a todas partes. Aconteceu que en Ourense quitaron unha película americana para meter Pradolongo en dúas salas pola demanda do público. Foi algo incrible!

—Máis se falamos dunha película galega rodada en galego.
—Si, unha película de baixo presuposto, que custou 1,2 millóns de euros. Agora iremos ao País Vasco, a Madrid e a Barcelona; e, en outono, a París.

—A París? A unha universidade?
—Non, non. Imos aos cines de París. De todos os xeitos, o que máis me interesaba era saber como respondía o público galego e respondeu moi ben.

—Mesmo responderon ben os parlamentarios. Presentar a cinta no Hórreo foi un acto para reivindicar unha industria galega do cinema?
—Estabamos de promoción en Santiago e nos pareceu que era importante que os deputados coñecesen a película. Necesitamos industria en Galicia porque iso permite contar as nosas historias e crear postos de traballo. En Pradolongo traballaron 34 actores e corenta técnicos, e a rodaxe supuxo un gasto de 100.000 euros na comarca de Valdeorras. Estamos contando historias e creando riqueza.

—O asunto económico, cunha canteira que se quere explotar en Pradolongo, é central na cinta.
—É un asunto económico e ecolóxico porque Pradolongo é o lugar de xogos dos tres rapaces protagonistas, que pertence ao pais dun deles. Nese lugar aparece unha veta de lousa, que pretende explotar o pai doutro rapaz. Un segundo enfrontamento entre eles está na rapaza que é amiga de ambos os dous.

—Vai seguir falando sobre a natureza no seu vindeiro filme?
—¡Hui! Aínda falta moito para iso, pero vou facer unha película ambientada nas montañas de Lugo.

Comentarios