lunes. 30.03.2020 |
El tiempo
lunes. 30.03.2020
El tiempo

Ignacio Rodríguez Eguíbar: ''La cultura del Camiño es inmensa y un niño la capta''

Eguíbar, nun tramo do Camiño en Lugo. (EP)
Eguíbar, nun tramo do Camiño en Lugo. (EP)
 

Foi xerente do Xacobeo e agora leva a súa paixón polo Camiño a unha obra literaria na que a ruta comparte protagonismo cos seus netos e Lugo. Da man de Mikel, o neto maior, Eguíbar explora o papel dos avós nunha viaxe literaria que lle serve para mostrar unha forma de relación e transmisión de coñecementos interxeracional.

 

‘aventura no camiño’ . Ese é o título da obra que acaba de lanzar Ignacio Rodríguez Eguíbar e que se pode ler no blog aventuranocamino.es e tamén en Facebook. O Camiño de Santiago é a columna vertebral dunha obra que o autor aproveita para facer memoria de Lugo e, sobre todo, para afondar na relación avó-neto. É unha peza literaria apta para tódolos públicos, porque a pode ler un neno ou un adulto e porque serve para ir coñecendo a historia da ruta xacobea.

Os lectores xa poden ler no blog ou en Facebook os primeiros capítulos de ‘Aventura no Camiño’. Que é o que máis valoran da obra?
Valoran a relación sui generis de neto e avó, un xubilado ao que non lle importan os condicionamentos sociais. E aprecian como se fala do Camiño.

O Camiño é o fío condutor. É unha ruta que un neno pode entender?
O Camiño é o fío porque a obra é tamén unha guía de viaxe, baseada no Códice Calixtino, na versión traducida por Xosé López e que conta coa colaboración de Matalobos. E o Camiño si é algo asimilable para un neno, sobre todo no que ten de aventura. E os contos e as lendas encántanlles.

No libro hai moito Lugo, porque no trato co neto vostede fálalle moito da cidade, sobre todo do Lugo da súa infancia.
Si, porque a obra combina ficción e realidade e, por iso, hai moitos personaxes reais. Aparece, por exemplo, Manolo Otero, o que chamabamos Manolito do Guardia, que era o ‘xefe da tribo’ cando de nenos baixabamos ao río. Os maiores coidaban dos pequenos e non deixaban que foramos á parte alta no caneiro do Rei Chiquito ata que sabiamos nadar. Facíano ben, porque nunca pasou nada. Hai outros personaxes que son de ficción, aínda que moitos teñen unha base real, como Meterio, inspirado nun personaxe que coñecía o meu sogro.

Ademais de compartir cos netos as aventuras da súa infancia, descóbrelle tamén Lugo, unha cidade que cambiou moito.
Hai moita vida de Lugo, si. O río e a muralla marcaban a nosa vida. Na muralla fomos crecendo: de nenos, alí xogabamos ás bólas, ao cravo e ao peón, alí facías atletismo e, despois, á muralla levabas a moza... E o río era o verán.

Tamén está o neno que crece en Lamas de Prado, que daquela era coma o extrarradio.
Si, era unha zona semirrural, cos castiñeiros centenarios, ocos por dentro, que ocupaban todo o que hoxe é a Praza do Castiñeiro. Aí está a memoria dunha infancia feliz. E estaban os domingos no cine, vendo películas sobre todo de vaqueiros. Hai non moito púxenlle aos nenos algunha daquelas películas, como Robin Hood, con Errol Flynn, e gustoulles tanto coma a min cando era cativo.

Na viaxe, vostede vai contando esas historias de Lugo, e outras sobre o Camiño, a Mikel. Que pode aprender un neno do Camiño.
A cultura do Camiño a través do tempo é inmensa. Unha lenda, unha igrexa perdida, unha ponte... Hai moito que descubrir e por iso é importante ir andando. E un neno capta moito, porque non lle vai interesar unha charla sobre un estilo arquitectónico, pero capta moitas cousas e moitas quédanlles no disco duro. Na novela, o neto pásao en grande e ri moito coas falcatruadas do avó.

A obra ten distintas lecturas e tamén entra, por exemplo, a relación que tiña vostede coa súa avoa vasca, á que non entendía porque so falaba euskera. Parece tamén unha forma de explicarlles aos seus netos de onde veñen eles, que ademais viven no estranxeiro.
Agora ás veces penso que miña avoa entendía algo e non o recoñecía (sorrí), pero si, é curioso porque a miña nai facíame a min de tradutora coa avoa e agora son os meus netos os que exercen de tradutores para min cando vou a velos a Holanda e a Suecia. Na obra aparece miña avoa porque era un personaxe, unha muller que quedou viúva con sete fillos, que sacou adiante traballando duro no caserío. Miña nai levábame todos os anos visitala e aquelas viaxes eran en si unha experiencia; aínda recordo o olor a soldado nos trenes...

Hai moito de encontro entre xeracións na obra, que tamén ensina ao neno como cambiaron os tempos en cousas como o papel feminino.
Si, por exemplo, ao río iamos as pandillas de nenos, pero as nenas só baixaban os domingos, o día que ía toda a familia a merendar ao Miño. Ao neno chámalle a atención que as cousas foran así, pero nós crecemos nesa segregación, que tamén se daba na escola e que seguía incluso cando estudiabamos Maxisterio.

O intercambio de experiencias forma parte do real que inclúe na novela. Pero tamén parece moi real a viaxe co neno, que en realidade non ten feito aínda.
Si, pretendo facer a viaxe co neno cando teña doce anos, que é a idade na que parece que xa é asumible unha viaxe dese tipo, que tes que facer andando e que, cun neno, require moita organización. Non podes saír, por exemplo, sen saber onde vas durmir. Pero a miña idea é facer a viaxe. Igual que teño idea de facer coa outra neta maior o camiño a San Olaf, en Noruega.

A súa paixón non se limita ao Camiño de Santiago...
Son camiños que son señas de identidade en Europa.


O PAPEL DOS AVÓS

«É positivo para os netos que lles poidas transmitir as túas experiencias»

A relación de avós e netos parece ter gañado protagonismo nos últimos anos, máis que nada porque parece que moitos avós teñen agora encomendado o coidado dos netos. Como ve esa nova forma de relación?
Eu creo que os avós non estamos para o traxín de coidar dos netos, entre outras cousas porque non tes a vitalidade necesaria para estar pendente todo o día dun cativo. No meu caso, temos cinco netos e todos viven fóra, pero veñen pasar con nós as vacacións, que en Europa están máis repartidas que aquí. No verán, por exemplo, eles teñen cinco semanas de vacacións e pásanas con nós. Creo que é positivo para eles que lles poidas transmitir as túas experiencias e ese tempo das vacacións para nós é moi valioso .

Sacou a obra en galego, pero ten previsto traducila?
Si, eu quería sacala primeiro en galego, pero un xenro ten o empeño de traducila, tamén para que a poidan ler os nenos, que viven en distintos países y entre eles teñen en común o castelán.

Intenta acercalles, con todo, tamén aspectos da cultura galega máis actual.
Inclúense, por exemplo, poesías que foron aparecendo na revista Xistral. Na obra recóllese moito máis que relacións personais: hai patrimonio, hai lendas, paisaxes...

 

As viaxes
En realidade teño idea de facer o camiño co neno cando teña doce años e penso facer o camiño de San Olaf con outra neta.

A obra
O Camiño é o fío da obra porque tamén e unha guía de viaxe, baseada no Códice Calixtino.

Ignacio Rodríguez Eguíbar: ''La cultura del Camiño es inmensa y un...
Comentarios