Idem

A RÚBRICA QUE DÁ NOME a esta columna semanal, é unha locución italiana que literalmente significa 'desde a cabeza', pero que se emprega en música para sinalar que debe voltarse ao comezo cando se chega a certa parte da peza que se executa. Titulamos a entrega coa verba 'idem' que, como é sabido, significa "o mesmo" para non repetir o nome da sección, xa que do que nos ocuparemos é dunha cuestión musical na que, seica, compre volver ao principio.

Referímonos ao que durante tempo se chamou 'efecto Mozart', isto é os beneficios que produce a audición da música deste autor para a mellora da capacidade intelectual dos nenos, mesmo desde antes do seu nacimento, ou sexa ainda no ventre materno, e durante os primeiros tempos de vida. A hipótese procede de estudos dun especialista americano, e baixo tal impulso dou lugar a un fenómeno moi extendido en todo o mundo e, xa que logo, á correspondente promoción da música do salzburgués, co correspondente negocio de editar discos coa axeitada escolma propia para a audición. Pero agora resulta que un veciño do xenial Wolfgang Amadeus, descalifica o sesudo estudo e di que se trata dunha lenda urbana, ou sexa unha especie de calote. Así que estamos outra vez no comezo.

Realmente unha pena, xa que remite o asunto a precedentes tan escandalosos como foron o caso Matesa ou, antes o affaire do estraperlo. Como se sabe, as Reais Academias —galega e española—-, admíten a palabra como comercio ilegal de artículos intervidos polo Estado ou suxeitos a taxa. Pero o termo procede de 'straperlo' nome polo que foi coñecido, nos tempos da II República, un certo xogo de azar, concretamente unha ruleta, que a Policia descubriu que dispuña dun mecanismo fraudulento. Para acadar a autorización, os promotores teceron unha mesta rede de subornos de altos cargos do goberno, e iso supuxo a caida do Partido Radical de Alejandro Lerroux, daquela á fronte do goberno en alianza coa Ceda.

Pero situémonos a barlovento. Posiblemente a razón acompañe a recente teoria, pero coidamos que a anterior tampouco facia mal algún, quizais ao contrario, xa que se ofrecia a posibilidade de prestar atención musical á nai e á familia convivente, e cando se trata de determinada musica calquer axuda e promoción son vitais. Certo que a celebración de centenarios do nacimento, ou falecimento, de sonados compositores axudan, como o fan todo tipo de conmemoracións culturais. Este ano, por exemplo, cúmprense os douscentos anos dos natalicios de Robert Schumann e Frédéric Chopin, e os cento cincuenta do de Gustav Mahler, todas figuras con indubidable atractivo e enormes posibilidades de engado para o eido musical. Pero nada comparable co 'efecto Mozart', agora esvaido por mor das novas teorias. E o que resta por chegar, xa que cabe a posibilidade de que as academias incorporen a locución no uso coloquial como sinónimo de chafallada. 'O témpora, o mores!'.

Comentarios