Iconografía

A ESCENOGRAFÍA E O BOATO que rodeaban a Francisco Franco é cousa sabida e mesmo estudada. Na sua monumental biografia sobre o dictador, Paul Preston relata que xa en plena guerra o aparato decorativo das sucesivas ses que ia ocupando, chamaba a atención, mesmo de aqueles dos seus que o visitaban. Moito tempo despois, a sua imaxe rodeado da guarda mora con aquelas enormes capas e turbante con pincho, permanecen na retina de moita xente que os viu en directo ou a través das imaxes do 'No-Do', logo reproducidas en televisión e outros soportes. Pero reparando na iconografia do persoaxe venme á memoria o retrato de Franco como cruzado, unha imaxe medievalizante moi acaída coa doutrina do réxime que calificou a guerra de cruzada. Claro que a lembranza foi subscitada polo caso do alcalde de Herrera de Pîsuerga, na provincia de Palencia. Nunha das capelas con máis devotos da vila, houbo que restituir unha pintura deteriorada por outra, titulada 'La adoración', na que aparecen figuras bíblicas, como San Xosé ou os Reis Magos, con evidentes semellanzas coa familia do primeiro rexedor. Todo moi chusco, pero que encabuxou á oposición, xa que a obra foi financiada con fondos públicos.

A iconografia municipal e a política en xeral resultan sumamente ilustrativas. Xa temos citado noutras ocasións aquela iniciativa do señor Fraga Iribarne, nos seus tempos presidenciais, de converter a vestimenta tradicional galega, na sua versión de gran gala, no traxe de etiqueta para as ocasións solemnes, ao estilo bávaro, isto é na senda de Franz Josef Strauss; o propio presidente encargou un retrato ataviado de tal guisa, pero a cousa non resultou, quizais porque para moitos era o mesmo que vestirse de gaiteiros, e para outros simplesmente por levarlle a contraria a quen o propuña. E con todo, nen a iconografia pictórica de Franco, nen a do alcalde Herrera de Pisuerga, nen a do señor Fraga, son inxeles disfraces, que sempre teñen un aquel de pasaxeiros e intrascendentes. Aparte do continente está o contido intrínseco: a afirmación de determinadas ideas, o desexo de permanencia e de perdurabilidade no tempo e a explicitación dunha proposta modélica. Entre outros ingredientes.

Un dos máis importantes filántropos da provincia, o ribadense Pedro Murias, que instituiu un avanzado centro de ensino agrario, deixou perfectamente disposto no seu sonado testamento o relativo ao seu enterramento: un mausoleo 'modesto' para o que dispón unha cantidade de mil pesos ouro, en 1892. Igualmente establece a colocación do seu retrato nunha das salas da escola, coa correspondente lenda e que nas funcións de aniversario da sua morte deben acudir os alumnos e profesores. Ben é certo que as arelas de permanencia e sona nos eidos nativos, son características dos indianos enriquecidos, aparte de facelo á sua conta. Cousa diferente é no caso dos políticos. En fin, 'Vanitas vanitatum et omnia vanitas'. Non lembro onde lin que a frase se lle atribuía a Salomón, o que de ser certo, non deixa de ser curioso.

Comentarios