Ibiza

Antes de que os hippies a fixesen súa, Ibiza foi dos fascistas, como acabou sendo España enteira, e na illa pasouse a folla de afeitar con tanta saña que á oposición a tiraban directamente desde o alto do castelo de Dalt Vila.

O que antes era tenebroso agora é un alucinado estalido de descontrol, e dun tempo a esta parte os mozos europeos collen o avión para entrar a golpes no Space, inchar o estómago de MDMA e descolgarse dos balcóns do hotel buscando a praia que hai baixo as lastras. A maioría encóntrana e deixan o atestado en Youtube, espello de estrañas vaidades, e outros esparéxense no ladrillo poñéndoo todo perdido e saíndo nos telexornais tapados nunha padiola, frecuentemente mortos.

Nos sesenta, vinte anos antes de que Siniestro instase a matalos a todos nas illas Cíes, chegou a Ibiza a filosofía hippie e ata se asomou, como nun suspiro, Emile Cioran, máis sombrío e amargado que nunca.

O escritor que fixo do suicidio unha forma de vida chegou á illa buscando o sol e alí encontrouse con que o detestaba, como tivese previsto calquera menos el. Así que se dedicou a encher as horas meditando tirarse cada dous por tres ao precipicio: “O meu primeiro pensamento ao saltar da cama en metade da noite foi ir botarme ao mar desde o alto do acantilado”, escribiu unha mañá. Viviu ata os 84 anos.

Comentarios