Ibán García: ''Intentamos que el monitor sea un ejemplo a seguir''

BOA PARTE DAS ACTIVIDADES que realizan os nenos e nenas de varios municipios chairegos están organizadas pola firma IG10, responsable de coordinar as escolas deportivas, así coma outras propostas, en municipios como Abadín, Begonte, Castro de Rei, Guitiriz ou Xermade.

Como nace IG10?

IG10 nace co obxectivo de ofrecer un servizo profesional no sector, desenvolvendo programas para todo tipo de persoas e entidades baixo o principio de compromiso e calidade. Propoñemos ideas orixinais e adaptámolas ós nosos clientes para obter a máxima satisfacción e eficacia nas accións lúdicas e formativas que realizamos.

Cal é o seu ámbito de actuación?

Centrámonos especialmente na provincia, aínda que tamén realizamos traballos por toda Galiza e non descartamos nun futuro próximo aceptar traballos de fóra da comunidade que ata o de agora tivemos que rexeitar.

Canta xente traballa para IG10?

O persoal é variable, depende do número de actividades que se desenvolven, que non son constantes durante todo o ano. De media contamos entre 35 e 40 traballadores directos e, para min, no organigrama da empresa os xefes de área son fundamentais. O traballo deles é o reflexo das directrices de IG10, de aí a importancia do labor de David Fraga como responsable da parcela deportiva, de Ovidio Fernández como encargado da área de animación e de Lucía Lage, como directora da área educativa, sen esquecerme dos monitores, os verdadeiros responsables da execución das actividades. Eles son quenes plasman todo o traballo de IG10 no día a día cos usuarios.

Cales son os requisitos a cumprir para entrar na empresa?

Os requisitos son os mesmos para todos, estar debidamente formados para a función e as actividades que van realizar, tanto a nivel de coñecementos como persoal. A partir de aí, canta máis experiencia, mellor.

Que actividades desempeña?

A empresa organízase en diferentes áreas e cada unha ten actividades cun perfil similar. Na deportiva levamos escolas deportivas, actividades extraescolares... Na educativa temos formación en valores, reforzo educativo, perfeccionamento… No apartado de animación contamos con inchables, pallasos, magos, coidadores, karaoke… Tamén xestionamos instalacións e promovemos actividades de tempo libre, como campamentos ou xornadas temáticas. Ademais, organizamos eventos ou vendemos material deportivo e recreativo. En definitiva, todo o que se lle poida ocorrer ós clientes. E ó contar con psicopedagogos e mestres en educación especial na empresa, adaptamos no posible as propostas para que todas aquelas persoas con necesidades educativas especiais poidan gozar delas.

Cales son as propostas que teñen máis éxito? E as que menos?

A maioría funcionan bastante ben, dado que antes do inicio se fai un estudo, polo que partimos con vantaxe. Na área deportiva teñen máis éxito os deportes máis coñecidos, coma o fútbol e o baloncesto, así como o deporte saúde para os maiores; na educativa, o inglés e internet; na de animación os inchables e a festa da espuma, e na área de tempo libre os campamentos e as noites alternativas.

Con que entidades soen traballar?

Os nosos principais clientes son concellos, Anpas, centros educativos, asociacións, empresas, centros comerciais e particulares.

Na comarca, cal é o nivel das instalacións, hai espazos suficientes e aptos para organizar actividades?

A nivel de instalacións e infraestruturas pódese dicir que sempre queremos algo máis, sobre todo para deportes ou actividades que non teñen ese tirón mediático.

Como se logra captar a atención dos alumnos e impoñer respecto?

Día a día, sobre todo nas actividades de nenos e nenas. Intentamos que os menores vexan o monitor como un espello no que mirarse e que sexa un exemplo para eles. A partir de aí, xa entran en escena as armas dos profesionais nas dinámicas de grupos con reforzos positivos e negativos, etc.

Traballan en ámbitos distintos, os nenos e nenas teñen as mesmas inclinacións e intereses nun lado ou noutro?

Os rapaces son os mesmos, o que sucede é que as características do contexto, tanto deles como das familias, son diferentes. Non é o mesmo que teus pais traballen de mañá que todo o día, que para poder acudir ás actividades teñas que desprazarte 20 ou 30 quilómetros ou que acudas andando, ou que teñas que axudar no traballo da casa. Sempre se valora máis aquelo do que non podemos dispoñer a diario, e por iso un rapaz do interior, cando facemos unha excursión á praia, divírtese enormemente e o mesmo sucede ó contrario cando a rapaces da costa os levamos de excursión a zonas de interior.

Con tanta oferta, pode ser que os rapaces se saturen e perdan o interese por participar?

A oferta sempre é moi boa para os nenos e as familias, e estas son as que deben filtrar toda esa información para adaptala ós intereses dos seus fillos. Cando eu era neno só tiñamos fútbol, baloncesto e moi pouco máis. Hoxe en día dende os concellos, os propios centros educativos, Anpas, asociacións... podemos case optar a calquera actividades que desexemos, sexa deportiva, educativa ou de animación.

Cal foi o reto máis difícil que asumiu IG10 ata o momento?

O inicio. Ó meu parecer, como en case tódolos aspectos da vida. Por moita formación e experiencia que posúas os comezos sempre son complicados e facerte un oco sexa o sector que sexa é duro. A partir de aí, rodeándote de bos profesionais como cos que temos a sorte de traballar a diario todo é moito máis fácil.

Teñen algún proxecto previsto para os vindeiros meses?

Estamos traballando en dous eventos de carácter nacional, e un deles si que podería incluír á Chaira na súa realización. De momento non podemos dicir nada máis.

DE PRETO
''Para traballar con nenos teñen que gustarche''

Como foron os seus comezos en IG10?

Difíciles, aínda que moi ilusionantes por poder realizar un proxecto en solitario nun sector que me encanta.

Estar rodeado de nenos todo o día, ten algún tipo de consecuencia na vida fóra do traballo?

A miña función na empresa é a de xerente, co cal non participo directamente na realización das actividades, pero para traballar con nenos teñen que gustarche.

Que idea intentan transmitirlle ós alumnos?

O disfrute das actividades e o respecto polos demais, así como todo o necesario para fomentar unha formación integral que lles poida servir nun futuro.

Un deporte para practicar?

Calquera, tanto individual como de equipo.

E para ver?

O fútbol sala, do que ademais son seleccionador galego infantil.

Unha afección?

Ultimamente o pádel.

Do que coñece da comarca da Terra Chá, con que lugar se quedaría?

É difícil elixir un e dependería para qué. Temos a sorte de poder disfrutar de moitos lugares que teñen o seu encanto.

Comentarios