Martes. 22.01.2019 |
El tiempo
Martes. 22.01.2019
El tiempo

Iago Urgorri: "O pobo usaba os bellóns. As moedas de ouro sempre quedaron para a nobreza"

Iago Urgorri
Iago Urgorri
Este experto en numismática será o comisario en Mondoñedo dunha exposición de moeda medieval galega, que se poderá ver entre os días 12 e 14. O público coñecerá que diñeiro se usaba no Reino de Galicia, onde se fabricaban e que valor tiña cada unha das pezas

A numismática é a ciencia que estuda as moedas e é o campo de traballo do historiador e especialista na Idade Media Iago Urgorri, natural de Ferrol. Con motivo do Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebra esta fin de semana, este experto traerá ata o Centro de Interpretación do Camiño Norte unha exposición sobre moedas medievais, que se poderá ver entre os días 12 e 14.

Que se poderá atopar na exposición que trae esta fin de semana a Mondoñedo?

A exposición chámase ‘Circulación monetaria no Reino de Galicia, pervivencias, novas cecas medievais e cecas foráneas’ e nela vou expoñer moedas que van desde finais do Imperio Romano ata o século XV. Céntrome en moedas que circularon por Mondoñedo ou preto, moedas que usaron os mindonienses na vida cotiá. A maiores, tamén hai outras que se empregaron no Reino de Galicia que formaban parte do de León.

A exposición fala de cecas, que son?

As cecas son obradoiros onde se fabricaban as moedas por orde real.

Eran os reis entón quen ordenaban o acuñamento das moedas?

Si. As moedas fabricábanse por orde real, por decreto nestes talleres, e o rei dicía canta cantidade de ouro ou prata tiña cada moeda, cal era o seu tamaño ou valor, entre outras cousas.

Onde había cecas?

No Reino de Galicia había cecas en Santiago de Compostela e na Coruña, e despois era tamén importante a ceca de Burgos. As cecas subministraban as moedas para o seu territorio.

De todas a cecas das que fala, cal era a máis importante de todas?

A máis importante era a de Burgos, porque acuñaba máis cantidade de moeda.

"Na exposición poderán verse incluso moedas das que trouxo Almanzor cando chegou a Compostela"

Estas moedas, que se acuñaban por orde real, tiñan valor moito tempo?

Non cambiaban sempre, pero algúns reis ordenaron reformas monetarias, fixeron cambios no valor e na composición das moedas.

Cales eran as moedas que había na época?

As máis pequenas eran os bellóns, que eran ligas de prata e cobre, e que equivaldrían aos actuais céntimos. Despois dos bellóns, irían os cuartos de reais, os medios e as moedas de prata e ouro.

Cales eran as que usaba a xente corrente?

O pobo sempre usou os bellóns. As moedas de ouro sempre quedaron para a nobreza, o populacho non tocou o ouro, Só, ao mellor, algún comerciante que traballaba con nobres puido tocalo, pero o pobo non o vía.

Logo, cal será a moeda que máis se verá na exposición?

Centrarémonos no bellón, que era a moeda que máis circulaba, porque con ela pagábase o pan e o sal, entre outros produtos.

Haberá algunha moeda que sexa inaudita na mostra?

Imos expoñer varias insólitas, que son únicas porque a investigación sobre elas aínda no foi publicada. Hai moedas que se parecen moito, pero que son diferentes, aínda que a diferenza sexa moi pequena.

Ademais do bellón e destas moedas únicas das que fala, que máis se pode atopar na mostra?

Por exemplo, haberá moedas árabes, como o dirhman de prata. Estas son moedas que trouxeron cando chegou Almanzor a Compostela e roubou as campás da catedral.

É dificil atopar moedas en boas condicións?

As moedas consérvanse bastante ben, porque son materiais nobres.

"Colecciono dende hai 30 anos. Empecei con moedas e agora xunto libros que falan delas, busco coñecemento"

E na Mariña, en Mondoñedo en concreto, é fácil atopar restos de moedas?

Non é difícil. En Mondoñedo apareceu un bellón que é unha peza con catro leóns colocados en aspas. É unha moeda única, aínda que hai unha semellante en Muros.

Hai moitos afeccionados á numismática?

Non. Últimamente está afección está en detrimento. É unha contradición, porque no século XIX, os grandes eruditos eran numismáticos, e a partir desta ciencia, estudaban outras disciplinas, como a arte ou o dereito, para poder comprender a numismática.

E estudosos coma vostede?

Non. A numismática é unha ciencia complexa, e hai que ter bo ollo. Por iso moita xente a ve como unha ciencia secundaria e non lle interesa.

En España, onde se pode estudar numismática?

Neste aspecto temos sorte. Está a Escola de Numismáticos Medievais, onde se dan a coñecer as moedas, se publican os catalágonos e se discute sobre ela. Creouna en 1996 Antonio Roma, que é un gran estudoso. Despois fóra, tómase como referencia o traballo que publicou en 1864, en Suiza, Aloyss Heiss.

Vostede como decidiu estudar numismática? De onde lle vén a afección de compilar moedas?

Colecciono dende os oito anos. A xente acostuma gardar as moedas, e eu, a partir dos 14, comprei libros de numismática e empecei a compilar textos para entender as moedas. Logo estudei historia e fixen un máster en historia medieval. A min a verdade é que sempre me gustou a numismática medieval galega, pero cando coñecín a Antonio Roma, intereseime pola numismática medieval en xeral. E dende entón ata hoxe.

Iago Urgorri: "O pobo usaba os bellóns. As moedas de ouro sempre...
Comentarios