Iago Lestegás: "No sur de Europa, a poboación de baixos recursos é substituída por turistas nos centros urbanos"

O arquitecto lucense leu a súa tese na Universidade de Reggio Calabria (Italia) en xuño. Nela analiza e interpreta a xentrificación -o cambio de residentes por turistas- do centro de Lisboa e un artigo seu acaba de acadar un premio internacional
Iago Lestegás
photo_camera Iago Lestegás

Iago Lestegás estudou Arquitectura na Universidade Politécnica de Madrid e doutorouse nun programa internacional que o levou a Italia, Estados Unidos e Portugal. Pertece ao grupo de Análise Territorial (Ante) da Universidade de Santiago e vén de ser recoñecido co Premio ao Mellor Mozo Investigador na última Reunión Anual da Comisión de Xeografía Urbana da Unión de Xeógrafos Internacional (UGI), un congreso desenvolvido este mes en Brasil.

Que trata no artigo que lle valeu o premio?

É unha comunicación derivada da miña tese, na que abordo a transformación do centro histórico de Lisboa baixo a presión dun turismo masivo cada vez maior e tamén baixo a presión de investimento inmobiliario estranxeiro. Hai un marco legal e fiscal moi favorable ao investimento inmobiliario implementado para atraer capital á economía portuguesa durante a crise que está atraendo moito investimento no marco de poscrise e austeridade. É unha especie de tormenta perfecta na que se dá moito turismo porque é unha cidade moi atractiva, moito investimento inmobiliario atraído por ese marco fiscal e legal e unha situación de perda de poder adquisitivo por parte da maioría da sociedade. Nese contexto, o capital inmobiliario centra a súa atención no mercado externo para usos turísticos: aluguer de curta duración, vivendas de vacacións ou patrimonio inmobiliario como investimento. Eu falo dun enclave inmobiliario porque a rehabilitación urbana, que era necesaria, está acontecendo, pero totalmente virada cara o mercado externo.

É un proceso de xentrificación como que o que está a acontecer noutras cidades, como Barcelona ou Palma de Mallorca?

Si, o que ocorre é que no sur de Europa a xentrificación adoita ser turistificación. Non é xa que unha poboación de baixos recursos sexa substituída por outra de recursos elevados, que é o do que se trata a xentrificación, senón que unha poboación de baixos recursos está sendo substituída por turistas. É un tipo aínda máis grave porque non se substitúe unha comunidade por outra comunidade senón por outra cousa que non é unha comunidade na que non se crea ningún tipo de tecido social. Iso está pasando en Barcelona, Lisboa e outras cidades.

"Dáse unha tormenta perfecta con moito turismo, un marco legal favorable ao investimento inmobiliario e unha perda de poder adquisitivo"


Quizáis Barcelona vai por diante e os efectos estanse deixando sentir antes que en Lisboa?

Si. En Lisboa hai xente que está moi sensibilizada con esta cuestión e o que din é "non queremos ser Barcelona". Agora en outubro teñen eleccións e este é un tema central na axenda electoral. O que pasa é que en Lisboa é un proceso que está ocorrendo moi rapidamente, o cal aínda é peor porque non hai capacidade de adaptación. Ademáis cunha economía tan contraída como a portuguesa e un casco histórico máis reducido o impacto é maior

A rehabilitación do centro pode ser un efecto positivo deste proceso ou tampouco pode verse así?

Eu creo que fisicamente Lisboa está mellor. Lisboa caía a cachos. Unha porcentaxe entre o 20% e o 32%, dependendo da parroquia -hai catro no centro histórico-, das vivendas estaban baleiras no 2011. Pero esa rehabilitación física non está significando nin a súa repoboación nin que se deteña a perda demográfica. Continúa a perder poboación censada porque os pisos que se rehabilitan non son para vivir neles, senón para investimento ou para apartamentos turísticos.

Supoño que isto terá tamén unha consecuencia na configuración comercial da zona...

Si, medra o comercio enfocado a turistas e desaparece o que está enfocado a cidadáns, o cal tamén contribúe á perda de poboación porque aínda que sexas propietario da túa casa e non che interese vendela, se vas perdendo veciños e vaste rodeando de poboación flotante coa que non tes ningún tipo de lazo e ademais tes cada vez menos tendas... Iso pasa tamén na zona vella de Santiago. Todo iso fai que cada vez sexa máis difícil un uso residencial dos centros históricos. En Lisboa agora tiveron que facer unha lei para protexer as tendas históricas, que son poucas, porque as rendas suben e as franquicias quedan con todos os locais. Ademais, en 2012, por mandato da troika, Portugal tivo que liberalizar o seu mercado de aluguer. As rendas anteriores a 1990 estaban protexidas e en 2012 tiveron que eliminar eses controis de renda, cando iso non ten nada que ver coas finanzas públicas. Iso fixo subir as rendas nun país cunha poboación sen acceso a crédito e cun desemprego en alza. Por iso se fala da tormenta perfecta.

"A xente que está sensibilizada con esta cuestión di 'non queremos ser Barcelona' "


Hai moita diferencia nas rendas con antes de 2012?

Por un cuarto de aluguer nun piso compartido no casco histórico é habitual pagar 350 euros e en 2011 pagábanse 80.

Quen está investindo?

Eu quería ver na miña investigación quen está mercando, pero iso é moi difícil de facer porque é un mercado moi opaco. Hai grandes promotores, grandes fondos, a maioría de fóra, pero tamén hai unha cantidade importante de xente que compra un, dous, tres pisos para rehabilitar e despois explotar como apartamentos turísticos. Hai inversores que despois venden a franceses, brasileiros, chinos, vietnamitas, rusos, escandinavos, estadounidenses...

Cal é o efecto dos portais de aluguer?

O mercado de pisos turísticos tipo Airbnb é enorme e non para de aumentar. Algúns están rexistrados, pero a maioría é informal. Agora hai unha taxa turística e págase un euro cando se aluga en Airbnb, pero non sei cantos están rexistrados. Os últimos datos do 2015 sobre pensións e apartamentos turísticos daban unha cifra irrisoria, non sei se eran 150, cando hai 7.000 ofertas no centro histórico, de 50.000 habitantes.

"Por un cuarto compartido nun piso de aluguer é habitual pagar 350 euros e en 2011 pagábanse 80"


Cre que se vai impoñer unha maior regulación?

Eu creo que si porque o turismo ten cousas moi positivas, a todos nos gusta viaxar, pero tamén ten un lado moi escuro. Ten impactos negativos moi importantes sobre o territorio. Vemos agora o caso das Cíes co tema das navieiras ou a masificación da praia das Catedrais, na que tiveron que poñer un mínimo control. No tema das cidades, igual. Dáse un conflito entre a vivenda como fogar e como patrimonio inmobiliario e se hai unha demanda moi forte de pisos turísticos, que dá moitos máis cartos que o aluguer convencional, se non hai unha regulación cada vez haberá menos pisos para vivir e máis para pasar dúas noites. A xentrificación é unha expulsión. En Lisboa digamos que o centro histórico pasou de ser inhabitable porque as casas estaban en malas condicións a ser inasequible. As institucións públicas teñen que protexer a diversidade. É importante nun contexto urbano, ten que haber distintos tipos de poboación, de comercio, porque senón os territorios non funcionan e despois veñen os problemas.

Comentarios