Hoxe toca cumio europeo

O IES Fontem Albei vén de celebrar o European Submit: Un Camiño, Mil Culturas, un simulacro de congreso para o cal os alumnos elaboraron proxectos que propoñen melloras no trato aos peregrinos co fin ficticio de captar fondos europeos
Público na sesión de ponencias no salón de actos do IES Fontem Albei, con motivo do cumio europeo
photo_camera Público na sesión de ponencias no salón de actos do IES Fontem Albei, con motivo do cumio europeo

EUROPEAN SUBMIT: Un Camiño, Mil Culturas foi o título do cumio europeo celebrado este luns no IES Fontem Albei da Fonsagrada. Co obxectivo de acadar fondos europeos para mellorar o paso do Camiño Primitivo polo municipio, os alumnos de 2º, 3º, e 4º da Eso debatiron dez propostas ante o resto do alumnado e profesorado, que tivo que acreditarse para escoitalos e valoralos a través da oficina que a Unesco abríu no centro. Todo estivo tan traballado e coidado que ninguén pensaría que foi un simulacro. Porque, máis que simulacro, o European Submit do IES Feste lunsm Albei é un exemplo do lonxe que pode chegar unha programación con traballo e motivación.

Este non é o primeiro cumio que celebra o centro. Os docentes formáronse o ano pasado en innovación educativa e aprendizaxe baseada en proxectos no marco do Plan de Formación Permanente do Profesorado. Levar as ideas á práctica tivo como resultado un simulacro de congreso sobre medio ambiente, no que participaron alumnos de 3º de Eso. Ante os bos resultados colleitados, este ano decidiron ir máis aló: involucrar máis grupos, e presentar os proxectos ao Concello, que se comprometeu a estudar a súa viabilidade.

A partir do código ético mundial para o turismo da Unesco, os alumnos traballaron en distintos eidos para dar solución ás carencias detectadas no servizo aos peregrinos ao seu paso pola Fonsagrada, e ante o recente recoñecemento do Camiño Primitivo como Ben Mundial.

"Os alumnos presentaron propostas como a creación de bancos e fontes para os peregrinos, páxinas web que recollan distintos mapas e información útil, ou unha aplicación que lles permita coñecer un vocabulario galego básico", indica Carmen Gómez, profesora de inglés do centro.

Dos dez proxectos presentados este luns no salón de actos, un deles sairá gañador este martes tralo reconto dos votos. Ademais, os alumnos de 4º aproveitaron a súa experiencia do ano pasado e encargáronse da organización e da comunicación nas redes sociais. O cumio ten unha páxina web onde colgarán os vídeos das ponencias, ademais da información que ofrecen no Facebook.

Cada proxecto contou cunha semana de traballo nas distintas materias. En inglés, por exemplo, orientouse ao vocabulario necesario para traducir a información do cumio na web, coma en calquera informe europeo, pero tamén se traballou en cada proxecto concreto, como no que propón traducir a esa lingua as cartas dos restaurantes do municipio.

Das matemáticas á bioloxía, da literatura ás matemáticas, os responsables de cada disciplina coordenáronse para levar a cabo esta iniciativa que ten por base o cuestionamento das materias como compartimentos estancos. "Non o son", afirma Carmen Gómez.

Os resultados deste enfoque son sorprendentes. Non só porque un centro poida tomar o xogo tan en serio, senón porque facelo implica a colaboración total do alumnado. Nese sentido, "ata o típico alumno que se aburre nas aulas involúcrase nisto", explica Carmen. E faino porque "traballamos con intelixencias múltiples, e entre iguais, para que cadaquén achegue no que sabe e lle gusta, á súa maneira. Dá moito máis traballo, pero é moi satisfactorio", engade.

Os obxectivos académicos están, deste xeito, máis que superados. E os outros? Depende da vontade política, "porque moitas das propostas non son caras, e están moi desenvolvidas", indica Carmen. De momento, o IES Fontem Albei demostrou que ten voz, e que é unha voz que pode achegar moito. "Os centros escolares formamos parte dunha comunidade, e dende aquí poden saír ideas para cambiar as cousas. No panorama actual de esmorecemento do rural, podemos propoñer ideas para que os novos non se vexan obrigados a deixar a súa terra", indica. Sería máis fácil seguir os apuntes da súa materia, "pero debe ser o mal de altura, que aquí todos os profesores nos implicamos nisto", bromea. Pero bromea en serio, como todo o que se fai no centro.

Comentarios