A honra e o vidro

O SEGUNDO movimento da novena Sinfonía de Mahler é un ‘scherzo’, afirmación non só rigorosamente certa, senón doadamente verificable. É perfectamente posible non só a posibilidade de que sexa motivo de inspiración para outros compsositores, senón mesmo que se utilice, total ou parcialmente, como cita en pezas alleas, un aspecto que neste caso concreto quen isto asina desoñece. Se tal sucedese, serian moitos os ouvintes que non se decatarian dunha referencia que, a outros, non lles seria extraña, porque non é propio das compsosicións musicais indicalo expresamente. Si sería un labor inexcusable do encargado de redactar as notas ao programa de man da execución da peza en cuestión, ou daquelas liñas tecidas con destino á edición en disco. Naturalmente existen máis fórmulas acaidas, tal e como son as especificacións do propio autor. Quizais non sexa preciso ilustrar o anterior cos pertinentes exemplos, pois que as presentes liñas son apenas unha introdución a un asunto bastante mais pedestre e abondoso, como é o das citas e referencias a textos. En tal materia a casuística é moi ampla, por mais que o costume e a norma sexan claron e contundentes: cómpre referirse á fonte de onde se extraen dados ou conclusións, e ser rigorosos cos transcripcións.

Lembramos moitos casos, que abranxen unha máis que dilatada panoplia, pero vennos agora ao maxin unha conferencia de hai xa tempo. Un estudoso, persoa moi detallista e abnegada, pronunciaba unha interesenate conferencia, relativa ao trafego e actividade portuaria dunha determinada vila., en tempos bastante recuados. Falaba con boa dicción e un enxebre espiritu comunicador; pero nun determinado momento, aquel no que a profusión de cifras, dados e datas era máis abondosa, comezou a falar cunha rapidez realmente desmesurada, de tal xeito que se facía sumamente complicado seguilo. Ao remate interrogámolo sobre a materia e a resposta foi contundente: asistía como ouvinte un especialista ou aspirante a selo, ao que observou tomando notas, e do que sabía cal era o previsible proceder: utilizaría o laborioso traballo en beneficio propio, sen a mais mínima alusión á sua procedencia. Andando o tempo, sorbemos e non só teoricamente, da utilidade do recurso no tocante a charlas e conferencias.

Pero cousa diferente son os textos. Aquí as posibilidades son praticamente ilimitadas. Fusílanse textos, omítense as fontes, falsificanse as citas e mesmo se plaxian relatos de ficción sen o menor recato. Xunta palabras con ínfulas de historiadores soen empregar o atallo: inventan os feitos sen máis, ou envólvenos en tal vestimenta que son estes quen se adaptan ao traxe. E, para remate, xúlgase con moita rexouba as demisións de cargos públicos pola copia parcial dunha tese de doutoramento. No estranxeiro, naturalmente. Todo un síntoma, porque tamén no intelectual, a honra e o vidro non queren mais que un golpiño.

Comentarios